Así viviron as redeiras a crise do Prestige: "Simplemente non existiamos aos ollos do Estado"

Ao non estar incluidas no ano 2002 na Lei de Pesca, non eran consideradas como un colectivo damnificado pola chegada da 'marea negra' ás costas, polo que se quedaron fóra das axudas

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 18/11/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O oficio das redeiras é unha arte moi descoñecida e, aínda para aqueles que sí a coñecen, moi infravalorada. Este traballo, desenvolvido na súa maioría por mulleres, aínda que nos últimos anos se vai incorporando tamén algún home, consiste en atar as cordas e enlazalas entre sí para crear redes e outros aparellos de pesca. Pouco máis de 400 profesionais se adican a isto en toda España, estando o 90 % delas en Galicia.

Redeiras confeccionando redes e aparellos de pesca
Redeiras confeccionando redes e aparellos de pesca | Fonte: O Peirao

Así as cousas, poderíase pensar, con toda lóxica, que unha redeira é unha muller que pertence ao colectivo do mar, un sector que en Galicia emprega a milleiros de persoas. Sen embargo, que pensariades se vos digo que a nivel profesional o Estado considera que pertencen ao sector textil? Pois así é, a día de hoxe, a pesares das loitas por parte de diferentes asociacións, aínda non houbo avances neste senso.

Vinte anos de loita avalanas como colectivo, mais os logros danse paseniñamente. Botando a vista atrás vese que fai 20 anos foi precisamente cando aconteceu a catástrofe do 'Prestige'. Un desastre ecolóxico de tales características propiciou a súa xuntanza e, dende entón, xa nunca máis houbo separación.

E CHEGOU O PRESTIGE

Todo comezou cando tras a chegada da coñecida como 'marea negra' ás costas galegas cesou a actividade pesqueira e, polo tanto, miles de familias tiveron que abandonar os seus postos de traballo sen saber sequera cando poderían retornar a eles. Nese momento o Goberno sacou unha liña de axudas a modo de indemnización polos daños que causara o buque.

"Máis ben eran como uns soldos, prácticamente, xa que cada quince días facíase un ingreso", recorda Verónica Veres Tasende, presidenta da asociación de mulleres redeiras O Peirao. A pregunta é: beneficiáronse as redeiras deses 'soldos'? "Non, pois o Goberno só contaba como parte do sector do mar damnificado a aquelas profesións que estaban recollidas na Lei de Pesca, e as redeiras non estabamos", explica.

"O Goberno só contaba como parte do sector do mar damnificado"

E xa non é que non estivesen na Lei de Pesca, é que "non estabamos por ningún sitio, non constabamos, e polo tanto non houbo cartos". "Simplemente non existiamos aos ollos do Estado", lamenta. Chegados a ese punto, vendo como a súa economía ía en declive e ninguén lles botaba unha man, déronse de conta de que había que pasar á acción.

"As redeiras empezaron entón a reclamar que elas tamén eran vítimas da catástrofe, porque se os mariñeiros non saen ao mar, a rede non rompe, e se a rede no rompe, non hai que arreglala, polo que quedamos sen traballo", apunta a presidenta do Peirao. Diferentes movilizacións e preguntas nunha e noutra administración remataron por levalas á Xunta, onde pediron ser atendidas.

O ESPÍRITO DE PENCHA

Foi alí onde coñeceron a Pencha Santasmarinas Raposo, xa falecida. Unha muller á que todas recordan con moito cariño. Defensora aférrima das mulleres e da igualdade de dereitos, Pencha animou a todas as redeiras que chegaban ás súas mans a unirse e facer unha loita común. "Dicía que dunha nunha nunca nos farían caso, polo que era mellor que nos agrupásemos todas para facer valer as nosas reivindicacións", recorda Verónica Veres, que asegura que ela axudounas en todo o que puido e máis. 

"Se non fose polo 'Prestige' non seríamos nin sequera hoxe por hoxe recoñecidas en ningures"

Así naceu a Asociación O Peirao e moitas outras que puxeron en valor un colectivo para o que ninguén parecía ter ollos: as redeiras. Dunha crise como foi o 'Prestige' naceu ese movemento asociacionista de mulleres do mar que continúa ata os nosos días. "Se non fose polo 'Prestige' non seríamos nin sequera hoxe por hoxe recoñecidas en ningures", afirma a presidenta da asociación.

De feito, lembra que naquel tempo "case ningunha muller cotizaba, empezouse a regularizar e a pelexar por estar nun epígrafe de cotización aló polo 1999 (tres anos antes do desastre), por iso no 2002 aínda había moi pouquiñas mulleres que constaban rexistradas, porque nin tan sequera era obrigatorio, era voluntario para aquelas que querían, como para que non desen moito a lata ao Goberno".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta