Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 24/11/2022 | Actualizada ás 15:20
A un día do 25 de novembro unha campaña da Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia revolve as redes sociais, especialmente Twitter. Trátase da iniciativa 'Non debería pasar, pero pasa.', na que se expoñen diferentes situacións que as mulleres aínda a día de hoxe non poden realizar con traquilidade, sen ser obxecto de comentarios ou agresións machistas. Sen embargo, a forma de levar ao cartel unha destas situacións, encendeu a gran parte da poboación galega.
Na imaxe sae unha rapaza vestida cun top e un pantalón corto deportivo, que está correndo por un paseo mentres se pon o sol, case anoitecendo. A frase que acompaña ao cartel di: 'Vístese coas mallas de deporte, vai correr pola noite... Que sucede agora? Non debería pasar, pero pasa'. Sen dúbida, trátase dunha mensaxe moi arriesgada para posicionarse a favor da igualdade de xénero, pois parece que pon no centro do problema á vítima, en lugar de ao agresor.
Entre algúns dos comentarios que se poden ler en Twitter sobre esta iniciativa, atopánse os seguintes: "Para o PP a violencia contra as mulleres é culpa nosa. A solución non é protexernos dos machistas e asasinos senón meternos medo. En Galiza o discurso máis retrógrado tiña que vir do PP"; "O que non debería pasar pero pasa é que nos goberne un partido de rancios, ver para crer"; "Xa se sabe que a culpa é nosa, que nos vestimos como nos vestimos e, por riba, saímos á rúa"...
Así mesmo, na retaíla de opinións dos usuarios de Twitter tamén se pide repetidas veces que por favor retiren a campaña: "Borrade isto, por favor. Non entendo a quen se lle ocurre, quen o aproba, quen o paga..."; "Todo mal, borrádeo"; "Se ahi alguen aí, por favor, que conecte a neurona e rectifique. Gracias".
E é que a maior parte dos críticos coinciden en que esta campaña máis aló de criticar unha situación o que fai é xerar medo na muller e ensinala a vivir na resignación de que "non debería pasar, pero pasa", desafortunadamente, como se non se puidese facer nada para cambialo.
Ademais, aínda que esta da rapaza facendo deporte en mallas é a imaxe que está xenerando máis controversia, dentro da campaña hai outras con eslóganes moi similares, como unha rapaza que está nunha discoteca e ten un vaso en fronte na que se pode ler: 'Unha discoteca, unha copa desatendida, que sucede agora? Non debería pasar, pero pasa', en referencia a que alguen lle pode botar algo na bebida para sometela aos desexos do agresor químicamente.
QUEIXAS DENDE A PLATAFORMA XORNALISTAS GALEGAS
Entre outras voces, a plataforma Xornalistas Galegas remitiu unha queixa á Secretaría Xeral de Igualdade mostrando a súa preocupación pola campaña, da que solicitaron a súa retirada. A entidade apunta que, aínda que a intención da campaña é falarlle ao agresor, "focaliza na vítima, na vida que fai e como viches", ademais de empregar "un ton derrotista", xa que "introduce o problema da violencia machista pero non a solución nin dá ferramentas á sociedade para saber que facer", apuntan.
Tamén a Secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez Pam, emitiu un tuit no que sinala que a agresión "é o único comportamento a sinalar e cambiar" e cualifica de "inaceptable" a campaña.
DENUNCIAR "SITUACIÓNS REAIS DE MACHISMO"
Desde a Consellería de Emprego e Igualdade precisan que esta campaña non se adscribe ao 25N, se non que "leva activa varias semanas", unhas seis, nas que foi replicada en medios de comunicación "de máxima audiencia" e en redes sociais sen que xerase "nin unha soa queixa".
A campaña, engadiron fontes da consellería, está "enmarcada nos obxectivos o Pacto de Estado" contra a violencia de xénero e contén a "mensaxe inequívoca" de "denunciar situacións reais de machismo e intimidación que se dan na sociedade", como as que se producen á hora de facer deporte, co control das redes sociais ou ao camiñar soa pola noite.
Tras reiterar que, ata o momento, a iniciativa non xerara "nin a máis mínima polémica", as mesmas fontes precisaron que non se retirará porque "está finalizada xa desde hai días".
Así mesmo, criticaron que voces como a da Secretaria de Estado de Igualdade "retorza" a mensaxe que quere trasladar a campaña dicindo que "pon o foco na vítima" cando obedece aos criterios do Pacto de Estado e considérano unha acción para "desviar a atención" sobre cuestións como os efectos da lei do só si é si.
RUEDA APUNTA A UNA INTENCIONALIDADE POLÍTICA PARA TAPAR O REBUMBIO EN TORNO Á LEI DO 'SÓ SI É SI'
En resposta a este 'boom', o presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, manifestou que aínda que respecta as "críticas" e entende que "todas as campañas son opinables", non está de acordo coa visión de que "se responsabiliza ás mulleres".
A continuación, apuntou á intencionalidade política, xa que ve tras determinadas críticas un intento do Ministerio de Igualdade de "desviar a atención" cando a lei do 'só si é si' está no foco.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, preguntado acerca de se se procederá a retirar a campaña ante a polémica xerada, o presidente galego esgrimiu que esta (que segundo fontes do Goberno autonómico non se puxo en marcha con motivo do 25-N senón previamente) leva "un mes" en distintos soportes e a súa planificación está "practicamente finalizada".
Sorprendido polo balbordo, engadiu que "resulta curioso" que "a maior controversia veña do Goberno central" e, en concreto, de "representantes" do Ministerio de Igualdade que estes días están a ser "duramente criticados" polas consecuencias da lei do 'só si é si', que permitiu a rebaixa de penas a agresores sexuais.
"Entendo que lles interese moito", incidiu, antes de defender o concepto da campaña galega, que tentaba "plasmar situacións cotiás" nas que as mulleres "sofren consecuencias do machismo", aínda que "non debería" ser así.
"Unha muller xamais debería pasar medo pola rúa ou nunha discoteca, pero pode pasalo e non podemos asumir que é normal", explicou, antes de incidir en que, en todo caso, entende que todas as campañas son "opinables" e respecta as críticas.
A OPOSICIÓN RESPOSTA: "VIOLENCIA MACHISTA EN SI MESMA SUFRAGADA CON FONDOS PÚBLICOS"
Por outra banda, o PSdeG e o BNG, así como outras organizacións e sindicatos, tampouco se quedaron caladas e criticaron a campaña. En concreto, o BNG pediu a "retirada inmediata" por "colocar sobre as mulleres a culpa de non pór os medios suficientes ou de non ter un comportamento correcto para evitar ser obxecto das agresións machistas e de violencia de xénero".
"Preocupa que o Goberno do PP lance unha campaña que culpabiliza e responsabiliza ás mulleres mesmo usando os argumentos de quen pretende xustificar o machismo ou atopar algunha xustificación ás agresións machistas", explicou a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, que considera que a campaña "pide explicacións" ás mulleres: "Que facían alí soas a esa hora da noite, por que saen a correr de noite en pantalón curto, por que non vixían a súa consumición cando están nun pub...".
E a portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, presentou unha batería de iniciativas parlamentarias esixindo tamén a retirada inmediata da campaña da Xunta, que cualificou de "vergoñosa e inaceptable", ata o punto de que, considerou "é en si mesma violencia machista sufragada con fondos públicos".
Díaz denunciou que esta iniciativa é "absolutamente irresponsable" porque "volve pór novamente o foco nas mulleres, culpabilizándolas de ser potenciais vítimas de violencia machista". O PSdeG lembrou que o imperativo é que "sexan os homes os destinatarios destas mensaxes institucionais", xa que "son eles os agresores, non as mulleres".
Tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, esixiu "a retirada inmediata" da campaña e cualificou de "intolerable" que o Goberno da Xunta "idee, ampare e permita unha campaña na que, unha vez máis, ponse o foco nas vítimas e non nos maltratadores".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.