Dende o mes de outubro aumentou a presión sobre ás urxencias pediátricas

O conselleiro pide "tranquilidade" e anima a "seguir avanzando" na vacinación da gripe nos menores de entre 6 meses e cinco anos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2022 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu este venres que o seu departamento está pendente da evolución da situación nas urxencias pediátricas porque, afirmou, desde o mes de outubro rexistrouse "un repunte" e un "incremento da incidencia", tanto nas consultas de pediatría de Atención Primaria como nas urxencias pediátricas.

Aínda que non concretou cifras, Comesaña asegurou que dende a Consellería realizan "todos os esforzos" para atender esa demanda e destacou o "reforzo da triaxe".

A preguntas dos medios tras participar na clausura da presentación dun proxecto para a loita contra o estigma da enfermidade mental na mocidade de 11 a 13 anos, Comesaña quixo transmitirlle á poboación a "tranquilidade" de que "van ser atendidos" nas urxencias pediátricas.

Nesta liña, detallou que as patoloxías que se rexistran son "menos graves". "Afortunadamente son patoloxías que non son graves e que non requiren ingreso pero, en todo caso, cando teñen que ingresar, todas as unidades de hospitalización pediátrica están dispoñibles", remarcou García Comesaña.

VACINACIÓN GRIPE

Neste contexto, animou a "seguir avanzando" na vacinación da gripe nos nenos e nenas de entre 6 meses e cinco anos, que a partir deste fin de semana Sanidade estende ao conxunto de hospitais galegos, despois da proba piloto da semana pasada na área sanitaria Santiago e Barbanza.

O obxectivo, destacou o conselleiro, é "previr que o neno contaxie ás persoas máis vulnerables da súa contorna". Por iso, engadiu, "interesa adiantar a cantos máis nenos posible", xa que "o pico da onda da gripe este ano" esperan que "se adiante". "Canto antes vacinemos aos nenos, ese efecto de corte será máis efectivo", subliñou.

Da experiencia da proba piloto da pasada semana, García Comesaña asegurou que concluíron que, "concentrando" a vacinación en 24 horas, "case se triplicou" o número de vacinas dispensadas, en comparación co que se rexistrou "durante un tempo" nos centros de saúde.

MÁIS ACCESIBLE

Neste senso, defendeu a "accesibilidade" dese modelo que, segundo indicou, "foi ben vista polos pais e nais", posto que "había certa comodidade co acceso e a atención". "Á vista de que esa solución fomentaba esa accesibilidade, decidimos estendela a todas as áreas sanitarias", relatou o titular de Sanidade.

O lugar e os horarios de vacinación serán comunicados vía SMS aos pais, nais ou titores dos menores. Deste xeito, poderán ser convocados para vacinarse ao longo deste sábado nun dos 14 hospitais públicos da Comunidade, que será o máis próximo ao seu domicilio, segundo conste no seu cartón sanitario.

Durante o domingo, o dispositivo permanecerá activo nos hospitais de Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense e Pontevedra. O horario de vacinación será de 10.00 a 14.30 horas e de 14.30 a 20.00 horas, excepto no caso de Ourense, que na xornada do domingo só vacinará en horario de mañá.

En concreto, a vacinación pediátrica se levará a cabo nos seguintes centros hospitalarios galegos: Hospital Materno-infantil Teresa Herrera, Hospital Público Virxe da Xunqueira, Hospital Arquitecto Marcide, Hospital Provincial de Pontevedra, Hospital Público do Salnés, Hospital Universitario Lucus Augusti, Hospital Público da Mariña, Hospital Público de Monforte de Lemos, Hospital Álvaro Cunqueiro, Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Hospital Público do Barbanza, Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, Hospital Público de Valdeorras e o Hospital Público de Verín.

Varios nenos acompañados, á súa chegada ao recinto feiral Expourense para ser vacinados contra a Covid-19
Varios nenos acompañados, á súa chegada ao recinto feiral Expourense para ser vacinados contra a Covid-19 | Fonte: Rosa Veiga

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta