Extinguido tras 20 días o incendio de Pontesa que custou a vida a un traballador

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 26/11/2022 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

Os bombeiros deron por extinguido o incendio da nave de Pontesa este sábado, 20 días despois da declaración do lume que se cobrou a vida de Benito González Dopazo, traballador do Grupo Nogar e concelleiro do PSOE de Marín que resultara con queimaduras de terceiro grao.

O Concello de Pontevedra informou do fin deste dispositivo de emerxencia no que agradece a colaboración da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) por colaborar con dous camións cisterna e persoal propio desde o pasado 6 de novembro.

Ademais, o goberno local deu instrucións ao Grupo Nogar para que manteña unha liña de auga por prevención e máis vixilancia sobre as montañas de gran que almacena nestas instalacións situadas en Ponte Sampaio, sobre as que non constaban licenza municipal.

O incendio foi declarado o domingo 6 de novembro e a súa magnitude obrigou a activar o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga), coa mobilización de bombeiros chegados desde diferentes partes da Comunidade.

O lume provocou tres feridos, aínda que a peor parte levouna o traballador do Grupo Nogar e edil socialista en Marín. González Dopazo, de 59 anos, que sufriu queimaduras no 85 por cento do seu corpo e faleceu na madrugada do mércores, 9 de novembro, na unidade de queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Ata este sábado, cando se deu o lume por apagado, continuaban os traballos de arrefriado da zona, dado que a fermentación de toneladas de gran almacenado aínda provocaba pequenos conatos.

A raíz do suceso en Pontesa, o Concello de Pontevedra decretou o rexistro das instalacións do Grupo Nogar no seu complexo de Campañó. Ao comprobar as condicións de seguridade e o almacenamento de 96.000 toneladas de cereal (máis do dobre que en Ponte Sampaio), o goberno local decretou o cesamento da actividade.

Con todo, esta decisión foi paralizada por un recurso da propia empresa. Ademais, o Grupo Nogar valora levar o asunto aos tribunais porque, segundo defende, as súas instalacións do cumpren cos parámetros de seguridade esixidos.

Nave de Pontesa tras a extinción do incendio nas instalacións onde o Grupo Nogar almacenaba gran
Nave de Pontesa tras a extinción do incendio nas instalacións onde o Grupo Nogar almacenaba gran | Fonte: Concello de Pontevedra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta