O PSdeG defende que a lei do 'si é si' é un "documento vivo" que pode modificarse para aumentar a protección das vítimas

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 30/11/2022 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

O secretario xeral do Partido Socialista Galego (PSdeG), Valentín González Formoso, subliñou este mércores que a chamada lei do 'só si é si' é un "documento vivo" que pode modificarse para aumentar a protección das vítimas.

Así o sinalou Formoso en declaracións aos medios de comunicación antes de visitar en Vigo as instalacións da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (Afaga).

O líder dos socialistas galegos destacou que o propio presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "deixou claro que en función da evolución da aplicación da lei non habería que botarse atrás nas modificacións que fosen necesarias para garantir que a protección ás vítimas vaia a máis e que os delitos se penen con máis forza e máis garantía que antes".

Tras ser preguntado pola postura do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que se mostrou a favor de revisar condenas sempre que se atendan as circunstancias de cada caso, Formoso puxo en valor que a intención da lei é a protección das vítimas.

"Ningún goberno deste país fixo tanto en tan pouco tempo por tanta xente e por tanto hai que enmarcar a lei nese contexto ideolóxico, de compromiso coas vítimas que outros gobernos non tiveron", sentenciou.

Entre outros temas, tamén foi preguntado sobre se hai algunha novidade pola situación do deputado socialista Martín Seco, despois de que o PSdeG solicitase a Ferraz unha orde de expulsión do político pola súa actitude en contra á dirección, Valentín González Formoso resolveu o tema dicindo que "non hai ningunha novidade".

Formoso este mércores en Vigo
Formoso este mércores en Vigo | Fonte: Pedro Davila

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta