Desarticulada unha banda que distribuía marihuana por España e Europa desde Galicia, onde tiña naves con 8.000 plantas

A operación saldouse con dez detidos e unha tonelada de plantas intervidas

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 30/11/2022 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

A Policía Nacional desarticulou unha banda adicada ao cultivo e tráfico de marihuana que operaba desde Galicia, onde tiñan dúas naves industriais onde foron intervidas máis de 8.000 plantas que arroxaron un peso de máis dunha tonelada.

O balance da operación 'Jeshile', que aínda está en marcha por parte de membros da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco), arroxa un total de dez persoas detidas e unha tonelada de plantas de marihunada incautadas, as últimas delas, nunha nave de Mourente (Pontevedra).

A operación iniciouse en marzo de 2022, cando axentes da comisaría provincial de Pontevedra descubriron un "laboratorio indoor" en Pereiro de Aguiar, onde foron intervidas miles de plantas de cannabis sativa.

A investigación dirixida polo xulgado de instrución número 1 de Ourense continuou ata dar cunha nave situada no polígono de Mourente. Alí foron descubertas unhas 2.000 plantas de marihuana, así como material eléctrico, equipos de extracción, documentación e teléfonos móbiles.

Esta nave é considerada pola Policía Nacional como un "gran laboratorio profesional" para o cultivo de marihuna valorado en 85.000 euros e que permitía manipular xeneticamente as plantas para conseguir maior rendemento. Así, estiman que a nave era capaz de producir catro cultivas ao ano cun rendemento dun millón de euros.

En total, hai dez persoas detidas como responsables desta nave e da plantación desarticulada en marzo en Pereiro de Aguiar. Ambas estaban deseñadas exclusivamente para o cultivo intensivo, xa que se atopaban divididas en dúas estancias duns 250 m2 dotadas con equipos de domótica e outras ferramentas orientadas a sacar o maior proveito das plantacións, como filtros de carbono para o cheiro ou apartos de aireación.

A nave de Mourente contaba cun "avanzado" sistema de iluminación composto por 300 lámpadas con transformadores, así como equipos de control de fotometría, temperatura, humidade, medidores de PH capaz de variar en función do momento do desenvolvemento das plantas e "gran cantidade" de fertilizantes.

A Policía Nacional estima en 250.000 euros a valía total dos equipos das naves. As dez detencións producíronse en tres momentos distintos: catro na desarticulación do primeiro cultivo, outros catro na entrada na plantación de Mourente e outras dúas o pasado 28 de novembro.

Os investigadores atribúen a estas dúas últimas persoas a función de xefas da banda, que operaba desde Galicia movendo marihuana a distintos puntos do Estado e de toda Europa. Dos arrestados, catro continúan en prisión.

Plantación de marihuana intervida en Mourente
Plantación de marihuana intervida en Mourente | Fonte: Policía Nacional

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta