Por Europa Press / Redacción | Ourense | 12/12/2022 | Actualizada ás 18:15
A maxistrada do Xulgado de Instrución número tres de Ourense decretou, o pasado venres, o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para un home investigado polo atropelo de dous veciños nunha terraza da localidade de Maceda. Contaba con antecedentes por dous sucesos similares anteriores.
Así, os feitos ocorreron o pasado 3 de decembro, sábado, cando o 112 Galicia recibiu unha chamada sobre as 22,30 horas dun particular que avisaba dun intento de atropelo, na praza de Alcatruz. O suposto autor, veciño de Maceda, foi detido días máis tarde do suceso cando as vítimas formularon a correspondente denuncia, segundo fontes municipais.
Desta forma, fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) informaron de que a persoa detida permanece investigada desde o venres por un delito de lesións tipificadas como "graves con medio perigoso".
Así, as mesmas fontes indicaron que o Xulgado de Instrución número tres trasladará o caso ao dous, porque é o que estaba de garda cando sucederon os feitos.
Con todo, a orde de ingreso en prisión débese a que o home é reincidente, xa que ten dúas causas abertas por atropelos que ocorreron en decembro de 2020 e en agosto de 2022. Finalmente, lembraron que ambos os procedementos os instrúe o xulgado número tres, que emitira unha requisitoria de procura porque "non localizaban ao investigado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.