Circo, teatro e danza protagonizan a programación do Nadal do Teatro Principal de Ourense

Volve situar aos máis pequenos no centro da programación entre os días 23 e 29 de decembro.

Por E.P. | Ourense | 12/12/2022 | Actualizada ás 19:47

Comparte esta noticia

O Teatro Principal de Ourense volve situar os máis pequenos no centro da programación das datas do Nadal co desenvolvemento de 'Nadal en familia', un programa que inclúe circo, teatro e danza entre os días 23 e 29 deste mes de decembro.

Teatro Principal de Ourense.
Teatro Principal de Ourense.

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, foi o encargado de presentar os detalles da nova edición do programa xunto coa directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

"É importante contar con programación familiar nestas datas para achegar a cultura aos nenos", sinalou Fernández enxalzando a aposta da Deputación por "promover a cultura en familia". Ademais, o vicepresidente do organismo provincial destacou o traballo de todo o equipo do Teatro Principal por "deseñar ano tras ano unha programación moi variada que fai fincapé nun público obxectivo fundamental, os nenos", a quen describiu como "o noso futuro".

Pola súa banda, Mojón lembrou que os máis pequenos e as súas familias sempre teñen un papel fundamental no Teatro Principal que "se ve reforzado nestas datas para xerar un espazo de encontro entre cultura e familias". Ademais, agradeceu o apoio da Deputación "especialmente nestes tempos complicados".

PROGRAMA

A programación arrinca o día 23 co espectáculo circense 'Gatlük, un soño de Nadal', con dous pases ás 18.00 e ás 19.30 horas, e con outros dous o día 26 de decembro ás 12.00 e ás 18.00 horas.

O día 27 haberá cita de teatro infantil con 'Voa, voa, xoaniña voa', unha obra pensada para nenos a partir de seis anos que se realizará ás 18.00 horas. Ao día seguinte de novo teatro infantil con 'A nena que vivía nunha caixa de mixtos', en sesión de 12.00 horas e 18:00 horas. Pensada para nenos e nenas a partir de catro anos.

A última cita acolleraa o Teatro Principal o día 29 ás 18.00 horas co espectáculo de danza familiar 'Nina Ninette', a partir de tres anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta