Nova web para dixitalizar a obra gráfica de Castelao

Son moitas as investigacións que ao longo dos anos se teñen centrado arredor dun dos escritores galegos máis relevantes, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, sen embargo todos eles cunha eiva: a falta dun estudo conxunto da súa obra gráfica coa que afondar na faceta do rianxeiro como artista e analizar a evolución da súa traxectoria como ilustrador. Co fin de poñerlle remedio a isto naceu o proxecto "Castelao. Obra gráfica. A construción dun discurso estético, político e social transoceánico" que publica agora a súa web, en español.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 19/11/2014 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O proxecto liderado pola catedrática emérita Mª Victoria Carballo-Calero  agora chega ao seu fin cun obxectivo claro: levar a cabo un estudo minucioso da parte gráfica do escritor e facer un inventario dos fondos de ilustracións en libros e revistas de vangarda en Galicia, ata o de agora dispersos en bibliotecas públicas e privadas.

'Pobres' unha Cousa de Castelao no Diario de Galicia
'Pobres' unha Cousa de Castelao no Diario de Galicia

Dentro do proxecto, e como punto fundamental para garantir a protección, difusión e investigación da obra do artista, os investigadores do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Facultade de Historia de Ourense acaban de crear unha páxina web que sirva de “quilómetro cero a partir do que ir colgando a recompilación da obra gráfica de Castelao para que se poida consultar ou mesmo descargar e con toda a información de cada unha das imaxes”, como explicaba o seu deseñador, José Luís Orge.

A dixitalización deste catálogo exhaustivo permitirá elaborar unha base de datos online útil tanto para a investigación como para a ensinanza. “Neste momento estamos subindo moitas imaxes que non son tan coñecidas e que son moitas. E todo grazas ao traballo de baleirado de xornais e revistas da época”, salienta Carballo-Calero, que dirixe ao equipo de investigadores conformado por Susana Cendán, Diana Vilas, Marta López, Yolanda Barriocanal e Roberto Vázquez. Xornadas no Edificio de Ferro No marco do proxecto, o Edificio de Ferro acolle este martes e mércores unhas xornadas baixo o mesmo nome coordinadas pola investigadora e docente Marta López, nas que se trata de aglutinar a “persoas de diferentes eidos e con distintos puntos de vista”, como o do artista e escritor Siro López ou o de Valeriano Bozal, “a persoa que mellor entendeu a Castelao dentro do panorama universal e quen logrou incluír todos os fitos galegos dentro do panorama artístico español contemporáneo”, quen dará a conferencia que poña o broche de ouro á actividade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 os dos quadrinhos somos nós

Castelao, un dos referentes da Gz, que nos seus quadrinhos amosaba un país nos que os poderosos e os enviados de Madrid falan espanhol, e o pobo fala galego. Agora tráenolo... en espanhol. Igual é un trabalho para "todos os espanholes", curioso, da nación que leva cincocentos anos tratando de destruir a nosa. Semelha que agora somos nós as personages do quadrinho.

1 os universais

Concordo, e mais en tempos de galego oficial ritualizado e perdendo falantes de xeito alarmante. Siro, Maria Victoria... en español. Para que entendan od de fora, cando os de dentro descoñecen e non asumen as propostas de Castelao. Que sorte de universais que so saben selo sendo españois!