Os ríos Dubra e Tambre aguantan sen desbordarse pese ao aumento do caudal

Mentres, o río Lagares produciu desbordamentos en Vigo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 12:17

Comparte esta noticia

Os ríos Dubra e Tambre, en alerta por risco de inundación desde o luns, aguantaron sen desbordarse pese ao aumento do seu caudal causado polas intensas choivas das últimas, que provocaron arrastres e algún corte de estrada.

O alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela, informou a Europa Press que durante a madrugada "tiveron algún desbordamento" puntual da canle do río Dubra, pero que non causou inundacións senón arrastres e cortes de estrada. Ademais, apuntou que na mañá deste martes a situación está controlada e que se traballa sobre todo na limpeza para volver á normalidade.

Nesta liña, indicou que persoal de Protección Civil e de Obras do concello está a actuar en distintos puntos "sobre todo por arrastres", así como maquinaria pesada de empresas externas "para axilizar os traballos".

Por outra banda, fontes da Policía Local de Ames, por onde pasa o río Tambre, detallaron que a situación na xornada deste martes "está tranquila" e que o luns "recibiron cantidade de chamadas" por temas de ramas de árbores pero que "non houbo que lamentar ningunha inundación". Con respecto ao caudal do río sinalaron que, ao paso polo termo municipal de Ames, "está alto", pero que "non hai risco de que desborde".

Así mesmo, fontes do Concello de Mondariz, por onde transcorre o río Tea, indicaron que a canle do río "está crecido pero baixo control" e puntualizaron que caeu un muro e por iso está cortado o tráfico nunha das estradas da localidade.

A Policía Local de Vigo indicou que ao coincidir as "copiosas choivas", que provocaron un incremento do caudal do río Lagares, con marea alta, producíronse desbordamentos que afectaron á rúa Severino Cobas, o Parque de Castrelos e á Avenida de Balaídos, na madrugada deste martes.

Río Tambre
Río Tambre | Fonte: Luis Miguel Bugallo Sánchez en Wikipedia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta