2022, o ano máis cálido en Galicia desde hai 60 anos

A temperatura media foi de 15º. As choivas foron un 7% menos que as habituais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou un 2022 "extremadamente cálido", cunha temperatura media de 14,9 graos, o que supón a máis elevada desde o ano 1961. Supón unha anomalía de 1,4 graos respecto dos valores esperados.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, encargouse de presentar os datos do avance do balance climatolóxico de 2022 --elaborado por Meteogalicia--, un ano no que houbo un 7% menos de precipitacións da media, con 1.201 litros por metro cadrado.

Así, houbo meses moi secos como maio ou xullo. Con todo, novembro e decembro "bateron todas as marcas", pois en decembro choveu ata un 60% máis do habitual, con 293 litros por metro cadrado. O último ano tan seco como 2022 foi 2017.

As precipitacións do tramo final de ano fixeron que se acabase a prealerta por seca, de forma que Galicia "é das comunidades autónomas das cales o resto teñen envexa", di a conselleira, pois hai autonomías nas que se tomando medias de restrición de consumo de auga.

Pola súa banda, María Souto, meteoróloga de Meteogalicia, apunta que, "a pesar de que en outubro, novembro e decembro houbo precipitacións moi importantes, non foron suficientes para paliar a seca do resto do ano". Un 2022 de claros contrastes entre o último trimestre e o resto, aínda que tamén en xuño choveu un 78% máis do habitual.

Cabe mencionar que en xullo se produciu unha onda de calor histórica, con termómetros por encima dos 40 graos en moitos puntos da comunidade. Ademais, o 14 de xullo tivo lugar un evento chamado sistema convectivo de mesoscala, que xerou unha área treboenta do tamaño de Galicia e deixou máis de 6.000 raios en catro horas, o que provocou numerosos incendios forestais.

Día de sol e calor en Santiago de Compostela
Día de sol e calor en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta