A Galicia do 2040: defensa da Galicia rural, máis vivenda pública e mellor mobilidade

Un estudo do Foro Económico prevé que os aeroportos galegos sigan perdendo pasaxeiros en favor do Porto, con só o de Santiago con "certo desenvolvemento".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2023 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O Foro Económico presentou un novo documento da súa serie 'Galicia 2040', neste caso relativo aos sistemas de planificación urbana nas cidades, onde se apunta a diferentes retos: unha simplificación da tramitación, un impulso da vivenda pública ante o seu "escaso" desenvolvemento, medidas para mobilidade sustentable e a cooperación entre municipios. Todo iso coa oportunidade que ofrecen os fondos europeos co fin de conseguir unha transformación "integral".

Este estudo leva a firma de Luciano Alfaya, José Carlos Arias, María Cadaval, Domingo Docampo e José Francisco Armesto. Así, Arias explicou que se busca "alzar o catalexo" cunha "mirada a longo prazo" para analizar os procesos de transformación urbana que marcarán os próximos 20 anos. Respecto diso, expón que se afronta un "momento de profunda transformación" e "incerteza radical" no que se debe "saber aproveitar" os fondos europeos para cumprir os obxectivos de desenvolvemento sustentable e conseguir cidades máis inclusivas.

Aquí, aparecen "materias pendentes", entre as que Arias citou a escasa promoción de vivenda pública e de aluguer en Galicia, que arrastra "insuficiencias crónicas", con datos moi inferiores á media europea. Unha cuestión que achaca a unha problemática "histórica" con "todos o goberno de todas as cores". A isto únese a necesidade de fomento da rehabilitación e edificios abandonados en centros históricos.

MOBILIDADE

A metade dos habitantes de Galicia vive en poboacións de máis de 20.000 habitantes, aínda que hai un 65% do territorio que se corresponde con municipios de menos de 5.000 habitantes. Por este motivo, Luciano Alfaya chama a "non só pensar nas cidades"  no futuro do modelo territorial, con atención á dicotomía entre urbano e rural.

No tocante á mobilidade, Alfaya apunta que se está "producindo unha transformación en todas as cidades" cara un tránsito "máis amable" e de proximidade, cun modelo galego que non ten o problema de grandes urbes, "pero falta aínda esa conectividade" entre poboacións para "crear un territorio máis colaborativo e menos competitivo".

Alfaya apunta que uns 80 municipios de 313 contan en Galicia cun plan de mobilidade sustentable, a maioría na provincia de Pontevedra, pero aínda quedan "moitos" con esta materia pendente. A complexidade progresiva na toma de decisións nas cidades marcarán a necesidade de sistemas de intelixencia artificial e 'big data' que aínda se están "explorando".

Así mesmo, chámase a atención sobre que só nove municipios galegos contan coas denominadas axendas urbanas, plans de acción para a definición do modelo urbano "esencial" no tocante á xestión de fondos europeos, ao que se suman outras sete en proceso de redacción.

TEN FUTURO TRES AEROPORTOS GALEGOS?

Neste informe, recóllese a previsión do enxeñeiro Carlos Nárdiz acerca de que os aeroportos galegos seguirán perdendo pasaxeiros en favor da terminal do Porto, do que se espera maior crecemento.

Alfaya apunta que o escenario que describe Nárdiz "non é especialmente optimista" para o futuro das terminais galega, de modo que "probablemente só Santiago teña un certo desenvolvemento". Iso si, Xosé Carlos Arias razoa que "todo pode ser revertido con vontade", posto que "non existe" unha xestión unificada entre os tres terminais, algo no que "se tería que avanzar bastante".

Tamén se refire Alfaya a que os portos deberán "buscar sistemas de aproveitamento", dado que "se están infrautilizando moitos dos recursos". Sobre o sistema ferroviario si que prevé maior "optimismo" como eixo que articule a ordenación do territorio en Galicia.

Mentres, obsérvase que a rede de estradas é bastante completa, pero deberase apostar polo seu mantemento, nunha tendencia no que a mobilidade rodada "tenda a reducirse en próximos anos".

Veciños dunha aldea rural de Paradela teñen que desprazarse ata fóra da aldea para deixar o lixo
Veciños dunha aldea rural de Paradela teñen que desprazarse ata fóra da aldea para deixar o lixo | Fonte: XdM

Vista xeral da aldea de San Xiao, situada na Ribeira Sacra
Vista xeral da aldea de San Xiao, situada na Ribeira Sacra | Fonte: Carlos Castro - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 babyboom

no 2040 tendo en conta que se xubilará o babyboom, Galicia será un xeriátrico... case como hoxe... En 40 anos o único que fixeron dende o goberno foi xestionar non crear valor que é moi distinto. Para xestionar serve unha xestoría. Para gobernar precísase de outra cousa. Cáusanme un pouco de melancolía estes estudos de entidades que non asumen en público a nefasta xestión dos gobernantes. Por certo no 2040 gobernará o pp con entre 45 e 50 deputados.

1 Gamela

Galicia xa é un Gran Xeriátrico (se sumas ás Residencias ~ Granxas de Vellos ~ a enorme cantidade de maiores que viven sós en aldeas pero sobre todo nas cidades) verás que este Informe chega tarde... E no que toca á poboación no futuro de Galicia se non aproveitamos os Fondos Next Generation para artellar vida fóra das cidades e á vez darlle unha oportunidade aos mozos para ter unha vivenda en alugueiro asequible... a xente nova terá que volver emigrar como de feito xa ocorre a día de hoxe. Os Informes está feitos para que os escoiten os políticos e sigan sen facer nada eso sí gañando eleccións gracias a INDRA e os Medios de Incomunicación (?)