Rueda presume de xestión económica e BNG e PSdeG falan dunha Galicia de "publicidade" e "tiktok"

A inflación centra o primeiro careo de 2023.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2023 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

A situación económica, marcada pola alza de prezos, foi a protagonista do primeiro careo do ano coa oposición do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que exhibiu a entrada en vigor co comezo de ano dos orzamentos para 2023 como aval da súa política económica, na que tanto Ana Pontón (BNG) como Luís Álvarez (PSdeG), ven un Goberno galego "parado" mentres Galicia presenta un "peor" comportamento que o conxunto do Estado.

"Cúmprese planificando nos orzamentos e non a golpe propagandístico", aseverou Rueda durante a primeira sesión control de 2023, celebrada este mércores no Pazo do Hórreo, onde subliñou a aprobación das contas da Xunta "en tempo e forma" como a "mellor" forma de facer fronte "ás necesidades da xente", o que contrapuxo ao que, ao seu xuízo, fai o Goberno central de Pedro Sánchez, que é atender nos orzamentos "as necesidades moi concretas" de quen lles brinda apoio parlamentario.

Todo iso, en resposta ás críticas lanzadas polos portavoces da oposición, quen alertaron dunha Xunta "de brazos cruzados" mentres Galicia "queda atrás" en indicadores como o IPC, a produción industrial ou o PIB. "Galicia necesita un goberno de verdade, non de reposto", aseverou Ana Pontón, na liña do tamén manifestado polo socialista Luís Álvarez, quen comparou San Caetano "cunha empresa de publicidade" á fronte dunha comunidade "menguante".

"Mentres toda Galicia está a escoitar o 'tictac' no reloxo esperando as medidas da Xunta, o Goberno galego o que fai é 'tiktok'", espetou o portavoz socialista en alusión á estrea da Administración autonómica na rede social de vídeos. Pola súa banda, Pontón puxo o foco en que o Goberno galego está "de brazos cruzados" para "non enfadar" ao poder económico con medidas para facer fronte á alza das hipotecas, o prezo da luz ou da cesta da compra que poidan afectar á banca, as eléctricas ou as grandes distribuidoras. E insistiu na tarifa eléctrica galega.

Ante isto, Rueda replicou que "mesmo os expertos" do Bloque "vaticinan" que esta tarifa propia para Galicia "un incremento automático do 30% da factura da luz". "Non xestionar nunca diñeiro público ten estas cousas. Os galegos teñen que saber o que lles espera", apostilou o presidente.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto ao vicepresidente primeiro e responsable da área económica, Francisco Conde, na Cámara
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto ao vicepresidente primeiro e responsable da área económica, Francisco Conde, na Cámara | Fonte: David Cabezón - Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta