Este plan busca "avanzar na repartición das tarefas familiares" e "reforzar o benestar laboral"

II Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2022-2025, que estará aberto a achegas por parte das entidades que integran o órgano

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2023 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou este mércores nunha nova sesión plenaria do Consello Galego de Mulleres, onde se abordaron os avances do II Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2022-2025, que estará aberto a achegas por parte das entidades que integran o órgano xa que, tal e como destacou a representante da Xunta de Galicia, será un documento "moi colaborativo co que se pretende avanzar na repartición das tarefas familiares de coidados entre mulleres e homes e reforzar o benestar laboral nas empresas".

Segundo explican nun comunicado, o deseño do documento parte das conclusións do seu predecesor, o I Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade, que estivo vixente entre 2018 e 2021 e que "supuxo a activación dun cento de medidas transversais por valor de case 850 millóns de euros".

Así, López Abella remarcou que o novo marco tratará de "dignificar o ámbito dos coidados, que normalmente recaen nas mulleres, reforzar o benestar laboral e os recursos de apoio para atender menores, maiores e a persoas dependentes".

"A necesidade de intensificar e consolidar as políticas públicas e as medidas para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como a adaptación aos novos modelos de traballo emanados da pandemia, xustifican a necesidade de avanzar cun novo plan que teña en conta conceptos como o benestar laboral e promova, entre outras medidas, o progreso das mulleres nas súas carreiras profesionais e en esferas de decisión", explicou López Abella.

"Estamos a falar de impulsar un auténtico cambio no modelo que asuma a modernización dos servizos sociais, o recoñecemento e o apoio á diversidade das familias e a implicación das administracións públicas", sinalou tamén a secretaria xeral.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. XUNTA - Arquivo
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta