Ao PPdeG non lle gustou nada que os alcaldes do BNG fixeran unha foto na escalinata do Parlamento

Santalices falou coa representante do BNG na Mesa para evitala e Pontón avisa: "Denunciaremos como está a sanidade, non nos van a calar"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2023 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

O PPdeG está moi molesto co BNG pola súa "actitude" das últimas semanas no Parlamento e o último foco de polémica é a foto que, coa líder nacionalista, Ana Pontón, á fronte, decidiron facerse o pasado sábado na escalinata da porta principal do Pazo do Hórreo. Polo que ven un uso "partidista" dun espazo "simbólico", os populares pretenden "pedir explicacións", para o que aproveitarán as reunións deste martes da Mesa e da Xunta de Portavoces.

O rexeitamento a esa foto empezou antes de que se materializase e foi trasladado xa pola propia Presidencia da Cámara, que dirixe o popular Miguel Santalices, quen, segundo varias fontes consultadas por Europa Press, contactou coa representante nacionalista na Mesa, Montse Prado, para tratar de que se evitase. Tamén houbo contactos entre gabinetes, aínda que finalmente Pontón fíxose a fotografía, rodeada por varios alcaldes e outros cargos electos nacionalistas.

Fíxoo o sábado, xornada na que o Bloque difundiu, ademais, un manifesto ao que se sumaron os rexedores e no que se denuncian, entre outras cuestións, o que os nacionalistas consideran unha "estratexia de voadura programada" da sanidade pública galega por parte dos populares e da Xunta. Ademais, o BNG lanzou un decálogo de medidas como alternativa.

Nun escenario marcado polas mobilizacións ante a situación sanitaria, tras as que os populares ven "politización", o partido que dirixe Alfonso Rueda indignouse co que considera "unha instrumentalización" e "uso partidista" dun espazo común da Cámara para realizar un acto "con clara intención electoral".

Xa o trasladou o propio sábado e este luns o portavoz parlamentario, Pedro Puy, insistiu: cada grupo ten as súas propias estancias reservadas para as súas cuestións internas, polo que apelou ao "sentido común" e aos "usos e tradicións" parlamentarias para evitar dar "usos partidistas" a espazos de carácter "común" e que son a imaxe de actos compartidos "por todos" como as concentracións contra a violencia machista, por exemplo.

"CAMPAÑA DE DESPRESTIXIO" DA SANIDADE PÚBLICA

En todo caso, Puy, quen reivindicou as accións levadas a cabo pola Xunta en busca de mellorar a situación do sistema sanitario galego, sinalou que, máis aló, da foto do sábado, o BNG está inmerso en "unha campaña de desprestixio da sanidade pública" con determinados "clichés e eslóganes" que tamén afeou.

Exemplificou coa expresión da deputada do BNG Montse Prado, quen a semana pasada, no marco dunha comisión parlamentaria, denunciou, a modo de crítica polas políticas sanitarias da Xunta, que os galegos tiñan no canto de Goberno a "unha cuadrilla de psicópatas aos que non interesa o sufrimento da xente".

Tamén aludiu á actitude do Bloque ante determinados cambios en iniciativas de debate na Cámara. Ao seu modo de ver, os nacionalistas están a actuar de modo "inxusto" e "utilizando" a situación da sanidade como cabalo de batalla electoral, mentres que "se opoñen a todas as medidas" que a Xunta impulsa para mellorar a dita situación.

PONTÓN VE "UN SARCASMO" As QUEIXAS DO PP: "NON NOS VAN A CALAR"

Moi distinta é a opinión da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen, a preguntas dos medios, en Vigo, sinalou que "non deixa de ser un sarcasmo" que os 'populares' falen de uso partidista ou electoralista das institucións. Ao seu xuízo, o que demostran estas críticas é "un nerviosismo brutal do PP co BNG", así como o empeño en que os nacionalistas deixen de falar de "cuestións importantes".

"Se o que lle molesta ao PP é que denunciemos a deterioración da sanidade pública, non nos van a calar, imos seguir día tras día falando dos problemas da cidadanía cando non teñen médico, cando van pedir unha cita e ven que tarda 15 días, cando hai nenos sen pediatra ou situacións terceiromundistas, como persoas esperando 12 horas nun corredor para poder ser atendidas nun hospital", proclamou Ana Pontón.

Tras insistir en que o PP "é responsable da deterioración da sanidade pública" en Galicia, reiterou que as súas críticas non despistarán "nadiña de nada" ao BNG, e recomendou aos 'populares': "que ataquen menos ao BNG e se procupen máis pola saúde dos galegos e as galegas".

Máis aló, fontes nacionalistas consultadas por Europa Press incidiron en que non é a primeira vez que un grupo parlamentario organiza unha fotografía nas escalinatas da Cámara, sen que ata agora suscitouse a polémica. De feito, en setembro de 2022, o Bloque organizou unha fotografía no mesmo sitio cunha delegación da Alianza Libre Europea (ALE).

E precisamente con alcaldes, aínda con Gonzalo Caballero á fronte do PSdeG, en setembro de 2021, a escalinata principal do Pazo do Hórreo foi o espazo protagonista dunha fotografía coa que os cargos socialistas pretendían reivindicar o freo do peche de sucursais bancarias en concellos do rural galego.

Xa en polémicas previas, ademais, en relación a determinadas accións de mobilización ou de iniciativas como 'Rodea o Congreso', os rivais políticos do PP afearon aos populares a protesta de alcaldes que no seu día, en 2005, cando Alberto Núñez Feijóo dirixía aínda o PPdeG na oposición antes de recuperar a Xunta, chegaron a entrar no recinto do Parlamento xerando un importante tumulto.

E UNHA MAIOR REGULACIÓN?

Os populares, como raíz da súa queixa, inciden en que o "sentido común" determina que debería evitarse o uso "partidista" de determinados espazos que teñen unha carga "simbólica" determinada, aínda que Puy, preguntado acerca de se debería existir unha maior regulación, non foi contundente.

O primeiro que queren os populares é escoitar que "explicación" dálles o Bloque no seo dos órganos do Parlamento e despois verán se adoptan algunha iniciativa adicional. "Non é apropiado o uso dun espazo común habitualmente usado polos grupos para decisións unánimes", insistiu Puy.

"Primeiro imos pedir explicacións porque se cadra hai que estender a regulación e non o sabemos", esgrimiu, ante a insistencia dos medios, o portavoz popular, quen insistiu na importancia de aplicar o "sentido común".

De 2019 datan as directrices que, a día de hoxe, están vixentes en relación aos criterios de usos de espazos do Parlamento --non se aborda expresamente a situación da escalinata--. Nelas incídese, entre outras cuestións, en que as salas non asignadas aos grupos son espazos de uso "exclusivamente parlamentario e institucional", quedando excluídos do seu uso e acceso a persoas e grupos alleos ao parlamento. Tamén se remarca que os grupos están obrigados a "respectar o carácter institucional" de todas as salas, dependencias e espazos da sede.

O PSDEG PIDE CENTRARSE NO "FONDO" DA CUESTIÓN

Pola súa banda, o líder do PSdeG, Valentín González Formoso, minimizou a polémica e advertiu que o que deben facer os grupos políticos é centrarse "no fondo" dunha cuestión tan importante como a sanitaria no canto de en un asunto de "formas tan leve" como no que, baixo o seu punto de vista, agora pon a lupa o PPdeG.

Así, incidiu en que Galicia vive nunha situación de "colapso sanitario" que afecta "a todos os estamentos", con "listas de espera por primeira vez" no primeiro nivel asistencial. "Ese é o problema de envergadura", resolveu.

Alcaldesas E Alcaldes Bng Subscriben Un Manifesto En Defensa Dá Sanidade Pública. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Alcaldesas E Alcaldes Bng Subscriben Un Manifesto En Defensa Dá Sanidade Pública. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta