O alcalde de Ourense quere facer en 2023 as 34 obras que non fixo en 2022

O PP critica a Jácome pola súa "incapacidade" e achaca este anuncio a "un intento desesperado de tapar a súa ineficacia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2023 | Actualizada ás 20:10

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense levará a cabo este ano as obras previstas en 2022 que non se puideron iniciar antes de terminar o ano. Así o anunciou o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, para avanzar que continuará co seu plan de investimento en obras e infraestruturas.

O rexedor explicou que se dotará de crédito a aquelas actuacións que non se puideron iniciar en 2022 "polo gran volume de traballo" do pasado exercicio. Así pois, o Concello tramitara a finais do ano pasado un expediente coa finalidade de dotar de financiamento un paquete de 24 obras, 15 de infraestruturas e nove de medioambiente, así como outras dez actuacións de mellora de servizos municipais.

A folla de ruta establecida nun principio para levar a cabo estas obras consistía nun convenio de colaboración co Ourense Club de Fútbol, de Segunda Federación, que "cofinanciaría os proxectos realizando unha achega de 50 euros por cada un deles". Entre esas actuacións, figuran desde algunhas como a mellora da sinalética do municipio por 100.000 euros, ata a subministración de 15 unidades de autobús diésel por un importe de 4.392.300.

Dito convenio tería vixencia ata o 31 de decembro deste 2023, polo que os proxectos poderían desenvolverse ao longo do ano actual. Con todo, o goberno local decidiu desistir desta fórmula e levará a cabo as actuacións previstas de forma directa, dotando o crédito nos orzamentos para aquelas actuacións que así o necesiten.

Pleno do Concello de Ourense / ROSA VEIGA / Europa Press
Pleno do Concello de Ourense / ROSA VEIGA / Europa Press

CRÍTICAS DO PP

A promesa do rexedor da terceira cidade de Ourense recibiu as críticas do Partido Popular, que asegura que Pérez Jácome "volve estender unha cortina de fume para tapar con falsidades a súa ineficacia e incapacidade" para executar máis de 42,5 millóns de euros en obras e servizos.

A edila Ana Morenza traslada que o alcalde non desistiu de asinar a fórmula do cofinanciamento co club de fútbol para levar adiante as obras, senón que "foron os técnicos municipais os que o fixeron desistir".

A popular critica que se trata de "un intento desesperado de tapar a súa ineficacia" e afea que o Concello "está sen orzamentos en vigor e por tanto sen poder executar as obras que se facilitaron mediante unha modificación de crédito, o que xera un importante dano económico ás empresas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta