Carlos Calvo critica a Ceivar e Que Voltem para a Casa por utilizar a súa imaxe con fins propagandísticos

O activista, detido en 2012 pola súa presunta vinculación a Resistencia Galega, desvincúlase da revista A Fouce, “a voz da Resistência galega” que "alenta o fermoso combate armado do pobo galego contra España".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/12/2014 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

Carlos Calvo, activista independentista, foi detido en setembro do 2012 baixo acusación de posesión de explosivos e pertenza a Resistencia Galega.  Desde esa data está preso, actualmente na cadea de Topas (Salamanca). Unha sentenza da Audiencia Nacional condenouno de xeito provisional en maio de 2014 a 12 anos de prisión por estes cargos.

Carlos Calvo
Carlos Calvo

Desde entón, leva defendéndose "con todos os recursos posibles desta acusación" e sempre insistiu na súa negativa de pertencer a ningún grupo que defenda a loita armada. Así o reiterou non só diante do xuíz e na prisión, senón en todas as súas manifestacións, escritos públicos e cartas.

Por iso, e logo da aparición da súa imaxe e nome na web A Fouce, que di ser o “portavoz da Galiza clandestina” para “alentar o fermoso combate armado do pobo galego contra España”, emitiu un comunicado público a través do seu avogado no que se desvincula desta páxina e, de paso, pídelle as entidades Ceivar e Que Voltem para a Casa que deixen de utilizar a súa imaxe nas “súas propagandas e accións de difusión”. 

“Carlos nunca dixo que pertenza ao chamado Colectivo de Presos Independentistas Galegos, nin está sendo defendido por un avogado de Ceivar, nin recibe ningún diñeiro do que recaudan, tampoco nos parecen de recibo accións que din ser de solidariedade pero que nunca se lle consultaron a el e nas que non participan nin a súa familia nin a maioría de amigos máis próximos”, apunta o seu avogado.

Este é o escrito remitido a algúns medios de comunicación:

ACLARACIÓN SOBRE QUEN É CARLOS CALVO E CAL É O SEU POSICIONAMENTO

Carlos Calvo 

Ante a difusión nos últimos días dun correo electrónico enviado de xeito aberto a varias persoas e entidades e colectivos cun enlace a unha páxina web hospedada na redeTor e que di chamarse A Fouce, VOZ DA RESISTÊNCIA GALEGA, vémonoso na obriga de deixar claros publicamente certos aspectos referentes á persoa de Carlos Calvo. Nesa web, que descoñecemos quen promove, entre outras cousas dise que esa páxina é un “portavoz da Galiza clandestina” para “alentar o fermoso combate armado do pobo galego contra España”. Dita web inclúe unha fotografía de Carlos, que enlaza directamente coa páxina web aberta de Ceivar, e chama a contribuir economicamente de xeito discreto e anónimo a través de Bitcoin, incluindo consellos de como non deixar rastro de ditas accións delitivas, para manter estruturas clandestinas e poder aumentar o que din que é unha situación de loita armada en Galiza.

Ante tal esperpento e ante a aparición da fotografía de Carlos en dita páxina, queremos aclarar:

Carlos Calvo é unha persoa galega, independentista, que foi detido en setembro do 2012 baixo acusación de posesión de explosivos e pertenza a Resistencia Galega.  Desde esa data está preso, actualmente na cadea de Topas (Salamanca). Unha sentenza da Audiencia Nacional condenouno de xeito provisional en maio de 2014 a 12 anos de prisión polos supostos cargos mencionados. 

En todo este tempo, Carlos, ampliamente coñecido polos seus textos e escritos públicos e polo seu traballo xornalístico, filosófico e antropolóxico, entre outras moitas cousas, nunca aceptou que pertencese a ningún grupo nin forma de organización chamado Resistencia Galega, léase en maiúsculas ou en minúsculas. Nestes dous anos e tres meses que leva defendéndose con todos os recursos posibles da inxusta situación na que vive, sempre insistiu na súa negativa de pertencer a ningún grupo que defenda a loita armada e así o reiterou non só diante do xuíz e na prisión, senón en todas as súas manifestacións, escritos públicos e cartas. 

É por este motivo que pedimos que se retire inmediatamente a imaxe de Carlos de webs que alenten posibles e escuras accións nada desexadas para Galiza. Carlos nunca autorizou a difusión da súa imaxe nin de xeito singular nin tampoco como apoio a colectivo de presos algún nin a manifesto de ningún tipo. Entende que nestes máis de dous anos se ten feito en reiteradas ocasións unha utilización interesada e unha manipulación por parte de diferentes entidades da súa situación como preso para fins cos que non está de acordo en absoluto. 

É por iso que, aproveitando este texto aclaratorio relativo á web A Fouce, pedímoslle tamén a Ceivar e a Que Voltem para a Casa, despois de dous anos e tres meses sufrindo as súas manipulacións e permanecendo calados, que deixen de utilizar a imaxe e o caso de Carlos nas súas propagandas e nas súas acción e medios de difusión. Carlos nunca dixo que pertenza ao chamado Colectivo de Presos Independentistas Galegos, nin está sendo defendido por un avogado de Ceivar, nin recibe ningún diñeiro do que recaudan, tampoco nos parecen de recibo accións que din ser de solidariedade pero que nunca se lle consultaron a el e nas que non participan nin a súa familia nin a maioría de amigos máis próximos. Con esto queremos deixar claro que agradecemos enormemente as mostras de apoio de numerosas persoas que a nivel individual e colectivo fixeron en todo este tempo, loitando para que se faga a luz no caso de Carlos e para que remate a situación de inxustiza que padece e a vulneración de dereitos á que está sometido, entre outras, a dispersión penitenciaria, o réxime de illamento e unha condena xudicial para nada proporcional nin axustada á verdade. Pero non por iso, e porque moitas persoas teñan actuado de boa fé, podemos consentir que se sigan manipulando e impoñendo estratexias ditadas e inventadas non sabemos por quen,  que só levan a un maior sufrimento e problemas dende o punto de vista individual e colectivo.     

Carlos sempre foi unha persoa que gosta de deixar as cousas claras e por iso publicamos este texto para que todo o mundo poida coñecer a realidade. Animamos a toda a sociedade a reclamar a liberdade de Carlos, o cumprimento dos dereitos humanos, e a que se faga verdadeira xustiza, pero non dirixida por axentes cos que non temos nada que ver. 

Benet Salellas i Vilar, Avogado de Carlos Calvo Varela

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 4KMH

Danlhe apoio e tentam ajudar e o que fam e acusar publicamente de apropiaçom da sua imagem? Este home esta moi mal aconselhado, CEIVAR nunca dixo que el fose parte de rem, o unico que figerom foi tentar darlhe animos de jeito desinteresado, se el ou o seu entorno nom querem a ajuda de CEIVAR ou Que Voltem a Casa so tenhem que porse em contacto com eles. Isto e incrivel, andar com estas cousas publicamente e cousa de crianças.

2 anonimo

sois 4 y mal avenidos

1 jos

Vaia atrapamoscas do CNI essa "A Fouce"... Assim é que se gasta o dinheiro dos impostos. Carlos, liberdade.

1 Carlos Liberdade!

+ 1.000.000

2 Deporda

Cousa mais clara não vi