O PP defende subvencionar a entidades antiabortistas se "cumpren a lexislación"

Galicia rexistrou máis de 10.500 interrupcións de embarazo entre 2020 e 2022, das que o 64,32% foron en centros públicos

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/02/2023 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

O grupo do PP no Parlamento galego tombou este martes co seu voto en contra unha moción do PSdeG sobre o aborto. A iniciativa contiña un total de seis puntos e os populares unicamente estaban en desacordo con dous, entre eles o que pedía á Xunta eliminar as subvencións a entidades antiabortistas.

Para xustificar a postura do PPdeG, a deputada Marta Rodríguez-Vispo argumentou que o Goberno galego esixe a estas asociacións e colectivos "que cumpran a lexislación vixente". "Cumprir a lei de saúde sexual e reprodutiva non está en contra de axudar á muller embarazada que quere ser nai", argumentou.

De feito, asegurou que á Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta non chegou nos últimos anos "ningunha denuncia sobre mala praxe nin atentados contra a dignidade" das mulleres por parte destas entidades.

En concreto, a moción dos socialistas incluía un total de seis puntos para solicitar á Xunta que garanta os dereitos recoñecidos pola lei do aborto de 2010, cuxa última reforma, que devolve ás mulleres de 16 e 17 anos a capacidade de decisión nesta materia, foi aprobada a semana pasada.

Entre as medidas da iniciativa, defendida pola deputada do PSdeG Noa Díaz, había algunhas coas que o PPdeG si estaba de acordo pero o Grupo Socialista non permitiu a votación por puntos, polo cal os populares tombaron o conxunto do texto. Tampouco aceptaba o PPdeG outro punto que pedía garantir a interrupción do embarazo ata as 22 semanas de xestación no centro con capacidade clínica "máis próximo ao domicilio da muller demandante" e "na área sanitaria que lle corresponda".

DATOS DA CONSELLERÍA DE SANIDADE

Durante o debate, a deputada do PSdeG Noa Díaz recoñeceu que esta é unha cuestión "incómoda para a dereita". A socialista referiuse a un informe remitido pola Consellería de Sanidade ao Parlamento, a solicitude do seu grupo, que recolle que entre os anos 2020 e 2022 practicáronse en Galicia un total de 10.515 abortos, o 64,32% no Sergas e o 35,68% en clínicas privadas autorizadas.

De acordo con estas cifras, Díaz sinalou as diferenzas existentes entre áreas sanitarias. E é que, das interrupcións voluntarias do embarazado practicadas en 2022, na área de Vigo o 100% foron na sanidade pública, unha porcentaxe que na da Coruña caeu ao 36,47%.

BNG: "É UN DEREITO FUNDAMENTAL"

Pola súa banda, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, avanzou o 'si' do seu grupo á moción, porque "por suposto o aborto é un dereito e un dereito fundamental das mulleres recoñecido como tal polas Nacións Unidas desde a declaración de Pequín de 1995". A pesar diso, a nacionalista lamentou que sexa un dereito "constantemente cuestionado" e empregado como "arma no debate político e electoral".

Hemiciclo galego / Parlamento de Galicia / Europa Press
Hemiciclo galego / Parlamento de Galicia / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta