Galicia mostra a súa solidariedade con Ucraína cando se cumpre un ano da invasión rusa

Na Coruña houbo unha manifestación para esixir aos gobernos unha "actuación máis rápida" para pór fin á guerra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2023 | Actualizada ás 20:48

Comparte esta noticia

Distintas localidades galegas acolleron nesta xornada mostras de solidariedade co pobo ucraíno e de condena pola invasión de Rusia, ao cumprirse un ano da mesma. Na Coruña, houbo, ademais, unha manifestación en recordo ás vítimas, pero tamén para esixir aos gobernos unha "actuación máis rápida" para pór fin á guerra.

A mobilización, con presenza dunhas 500 persoas, segundo os convocantes, partiu do Obelisco para concluír en María Pita cunha concentración, incluíndo mostras de condena á invasión, pero tamén outras propostas, con presenza de nenos e nenas con traxes tradicionais.

En declaracións a Europa Press, Masha Pavlenko, ucraína residente en Galicia e membro de AGA-Ucraína, destacou a resposta de gobernos dos países europeos "apoiando" ao país, pero demandou nestes momentos unha "actuación máis rápida".

"É todo moi lento, é moi burocratizado e toda esta burocracia custa vidas", recalcou en referencia tanto aos militares como aos civís. Por iso, pediu que se lles axude e "canto antes" para poder "gañar esta guerra". "Putin non ten ningunha disposición a terminalo", sinalou Pavlenko.

Por outra banda, cifrou nuns 3.000 os ucraínos refuxiados en Galicia, maioritariamente mulleres con nenos. "Hai xente que non se chegou a adaptar e volveron para Ucraína, prefiren vivir con perigo, pero nas súas casas".

"Sobre todo cústalle á xente máis maior", expuxo. Respecto destes casos, asegurou que, dos que chegaron con apoio de AGA-Ucraína, "só un 20% volveu". No entanto, apuntou que "moitos non teñen onde volver", engadiu nunha xornada que foi reivindicativa.

APOIOS

A manifestación na Coruña, cidade na que o consistorio presta apoio a máis de 140 familias, segundo lembrou a alcaldesa, Inés Rey, tivo lugar nunha xornada na que tamén houbo actos en distintas institucións para expresar a solidariedade co pobo ucraíno.

Este foi o caso na Deputación da Coruña, onde se gardou un minuto de silencio ao comezo do pleno, no que se condenou a invasión de Ucraína e esixiuse o cesamento inmediato da guerra.

En Ourense, a Praza Maior acolleu unha concentración silenciosa, do mesmo xeito que noutras cidades en resposta á a iniciativa da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), a mesma que se secundou, como noutras institucións, na Deputación de Lugo.

Concentración de apoio a Ucraína no primeiro aniversario da invasión rusa. M. DYLAN
Concentración de apoio a Ucraína no primeiro aniversario da invasión rusa. M. DYLAN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta