Extinguido un incendio nunha nave de madeiras en San Sadurniño

Tamén ardeu o faiado dunha vivenda en Gondomar

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2023 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

Os servizos de emerxencia extinguiron un incendio nunha nave de madeiras na localidade coruñesa de San Sadurniño, sen que se rexistrasen danos persoais. Segundo trasladou o 112 Galicia, o lume iniciouse sobre as 07,00 horas deste martes e afectou á caldeira de biomasa situada na cuberta das instalacións.

Foi o persoal da fábrica afectada, situada na parroquia de Naraío, o que alertou á central de emerxencia. Na súa chamada, explicaba que ardía unha caldeira de combustible. Con esta información, os operadores do 112 solicitaron a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a modo preventivo, dos Bombeiros de O Eume, Ferrol e Narón, dos axentes da Garda Civil e do persoal do Distrito Forestal da zona.

Ademais, tamén comunicaron a situación ás autoridades ambientais da Xunta para monitorar a situación e púxose en alerta ao Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias, que non chegaría a saír.

INCENDIO NUN FAIADO

Por outra banda, o 112 tamén informou dun incendio nun faiado nunha vivenda situada no concello pontevedrés de Gondomar. Os feitos producíronse pouco antes das 22,00 horas deste luns na parroquia de Cháin. Neste caso, foi unha persoa particular a que alertou á central de emerxencias de que ardía unha casa no lugar de Castelo.

Así, mobilizouse ata o lugar aos Bombeiros do Porriño e aos membros do GES do Val Miñor. Unha vez no punto, os servizos de emerxencia procederon a arrefriar a zona afectada e confirmaron que, por mor da intensidade das chamas, o tellado da vivenda colapsou e o faiado ardeu por completo. Ata o lugar do suceso tamén se desprazaron os axentes da Garda Civil e da Policía Local, co fin de coñecer as circunstancias que o provocaron.

Camión de bombeiros
Camión de bombeiros

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta