Por Galicia Confidencial | Galicia | 07/03/2023 | Actualizada ás 20:30
Adega vén de achegar a Augas de Galicia as súas consideracións sobre os proxectos de central reversible en caverna con balsa artificial para bombear e turbinar auga do encoro Barrié de la Maza, no río Tambre. A asociación ecoloxista advirte de que autorizar a concesión suporía "fosilizar" o encoro do Tambre xestionado por Naturgy e "alongar o curtocircuíto do río ata os 150 anos".
As promotoras dos proxectos, "Green Capital Power" e "Espiral Renovables" solicitaron a Augas a concesión para producir enerxía, un proxecto que despois do trámite autonómico deberá autorizar o Goberno central. Desde ADEGA denuncian que "coa escusa de impulsar as renovables, non pretenden outra cousa que lucrarse especulando co prezo da electricidade".
Así, manifestan que as concesións non foron valoradas no Plano Hidrolóxico e poderían comprometer os obxectivos medioambientais para o encoro. Ademais, explican que os proxectos afectan directamente ao espazo da Rede Natura 2000 "Esteiro do Tambre" e indirectamente á ZEC "Río Tambre".
Nesta liña, a asociación explica que as empresas peticionarias reclaman unha concesión de 75 anos para os seus aproveitamentos e recordan que no encoro xa hai tres concesións vixentes. "Un novo aproveitamento alongaría ata o 2098 a permanencia do encoro, así o río Tambre podería ficar ata 150 anos curtocircuítado, o que vai contra a Directiva Marco e a vixente lexislación de augas", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.