A Xunta di que o fallo do TS sobre Ence dálle a razón sobre as prórrogas das concesións no litoral

A conselleira Ángeles Vázquez incidiu en que o Supremo "descarta sen dúbida que se poida negar o dereito a prórroga"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2023 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Angeles Vázquez, asegurou que a sentenza do Tribunal Supremo sobre a prórroga extraordinaria de Ence para permanecer na ría de Pontevedra dálle a razón ao Goberno galego nos seus argumentos en contra da última modificación do Regulamento xeral de Costas e apoia "de forma inequívoca" a postura que sempre defendeu sobre as prórrogas das concesións no litoral anteriores ao ano 1988.

Así o destacou en resposta a unha pregunta formulada no Parlamento de Galicia polo deputado do PPdeG Manuel Santos sobre os efectos desta decisión no recurso presentado pola Xunta contra a referida reforma do regulamento.

A conselleira incidiu en que o Supremo "descarta sen dúbida que se poida negar o dereito a prórroga" no caso de títulos outorgados no dominio público marítimo terrestre (DPMT) antes desa data.

"Levamos tres anos de ataques continuados aos 82 concellos galegos do litoral, de ataques continuos aos 2.500 quilómetros de costa, de ataque social, político, ambiental e por suposto, tamén económico", declarou á conselleira, que se felicitou polo feito de que a sentenza lle da razón á Xunta en "absolutamente todo".

Ademais, preguntada polas consecuencias para Galicia do expediente aberto pola UE contra España polas concesións para a construción no DPMT, destacou que xa se dirixiu ao Goberno central para pedirlle que informe a todas as comunidades costeiras sobre este asunto.

Así, indicou que a semana pasada remitiu senllas cartas á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e ao secretario de Estado para a UE, Pascual Navarro, nas que solicita información en profundidade sobre o procedemento de infracción aberto e, especialmente, sobre a Carta de Emprazamento.

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, no Parlamento de Galicia. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, no Parlamento de Galicia. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta