Rueda e o novo presidente de Alcoa España piden prezos "competitivos" da enerxía

Alcoa reivindica a "aposta polo futuro da planta de San Cibrao con investimentos moi significativos" pola súa banda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2023 | Actualizada ás 19:55

Comparte esta noticia

O titular da Xunta, Alfonso Rueda, e o novo presidente de Alcoa en España, Miguel López-Quesada, manteñen este xoves unha reunión de "toma de contacto", na que é a primeira visita institucional do responsable da multinacional estadounidense do aluminio.

Rueda informou na comparecencia posterior ao Consello da Xunta que o novo dirixente pediu o encontro e que a súa intención ao velo é buscar que a compañía asegure "que algo tan importante como o futuro da Mariña quede garantido", pola fábrica de San Cibrao, en Cervo.

Pola súa banda, fontes da empresa consultadas por Europa Press enmárcana "no clima habitual de diálogo e colaboración coa Xunta" e subliñan que é "especialmente necesario no momento actual de desafíos para a competitividade" da industria. Respecto diso, Alcoa apunta ao custo da enerxía e reivindica a "aposta polo futuro da planta de San Cibrao con investimentos moi significativos" pola súa banda.

Nesta liña, o presidente galego sinalou que é preciso alcanzar "prezos competitivos" para a industria electrointensiva e resaltou que "de aí" que a Xunta estea a declarar "iniciativas prioritarias" en relación cos acordos de compravenda de enerxía a longo prazo (as 'PPA').

"Eu o que transmitirei ao presidente de Alcoa é seguir insistindo en algo que non depende da Xunta, senón do Goberno central", remarcou Alfonso Rueda, en alusión a que o prezo que asumen as industrias españolas e galegas é "moi superior nunhas cantidades incribles" en comparación con outros países e "iso fala de perdas de competitividade".

TAMÉN ESTIVO CONDE

Unha vez concluída a cita, a Xunta informou nunha nota de prensa de que Rueda analizou co novo presidente de Alcoa en España os proxectos e prazos da compañía para a reactivación dunha industria "fundamental" para a economía galega.

No encontro tamén estivo presente o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde. Rueda "comprometeu a López Quesada-Gil toda a colaboración do goberno galego para que a reactivación da actividade de Alcoa en Galicia sexa canto antes unha realidade", subliña o comunicado.

O presidente da Xunta, co novo responsable de Alcoa en España. XUNTA
O presidente da Xunta, co novo responsable de Alcoa en España. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta