CIG advirte a Sanidade que as traballadoras embarazadas precisan "que avalíen os seus postos de traballo"

O sindicato responde ás palabras do conselleiro de Sanidade que proporía negociar flexibilidade horaria para as traballadoras embarazadas a partir do terceiro trimestre de embarazo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2023 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

A CIG-Saúde advirte ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que as traballadoras sanitarias embarazadas non precisan "flexibilidade horaria", senón "que se avalíen os seus postos de traballo" e que, ou ben se fagan as adaptacións pertinentes ou ben se inicie a solicitude de risco de embarazo a cargo da Seguridade Social "de forma áxil e inmediata". "As mulleres o que queren son dereitos, non agasallos", subliña.

Así responde a central nacionalista nun comunicado despois de que o conselleiro anunciase o mércores no Parlamento, ao responder oralmente a unha deputada do PP, que proporía aos sindicatos negociar unha regulación da flexibilidade horaria das mulleres embarazadas a partir do seu terceiro trimestre de embarazo.

Neste contexto, a CIG, a falta de coñecer esta proposta, replícalle que as traballadoras do Servizo Galego de Saúde (Sergas), polas "particularidades dos seus postos", teñen "moi complicada" unha adaptación dos mesmos neste último período de xestación.

Ademais, sobre a flexibilidade horaria, o sindicato pregúntase "de que está a falar" o conselleiro e "con que obxecto", porque "se é para asistir ás consultas relacionadas co embarazo, isto xa é un dereito".

En calquera caso, a CIG alégrase "de que Sanidade "por primeira vez fale no Sergas de flexibilidade horaria" e anima a emprender unha negociación tamén para os titores legais dos nenos, porque "é necesaria unha flexibilización horaria desde o punto de vista da conciliación".

O secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, xunto a Lucía Peón e Xavier Alvedro / Europa Press / Europa Press
O secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, xunto a Lucía Peón e Xavier Alvedro / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta