O pazo provincial da Depuatción de Ourense terá "os fitos arquitectónicos" cando se constrúa o gran hotel balneario

Os socialistas sinalan que no anteproxecto "desaparece por completo" a intervención do arquitecto e por iso solicitaron por escrito a documentación pertinente na que se autoriza esta actuación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2023 | Actualizada ás 19:56

Comparte esta noticia

A Deputación de Ourense asegura que o anteproxecto do Hotel Balneario Auria, que se atopa en fase de redacción, manterá "os fitos arquitectónicos singulares" do Pazo Provincial, entre os que se atopan "as escaleiras interiores e a propia fachada do edificio".

Así o afirma a institución provincial despois de que o PSdeG-PSOE advertise que o goberno de Manuel Baltar "mutilará irremediablemente" o "patrimonio histórico e cultural ourensán" ao "suprimir" da fachada a intervención deseñada e executada polo arquitecto Vázquez Gulías.

Os socialistas din ampararse no anteproxecto do gran hotel balneario impulsado pola Deputación Provincial, previsto no 2027 no edificio que ata a data é sede da institución.

Segundo a formación, no anteproxecto "desaparece por completo" a intervención do arquitecto e por iso solicitaron por escrito a documentación pertinente na que se autoriza esta actuación, que, consideran, "atenta contra o patrimonio cultural de todos".

Din "compartir a sorpresa e o desagrado" da Asociación Centro Cultural Daniel Vázquez Gulías, que lembra que a construción do inmoble comezou en 1850 baixo o impulso da familia Pérez Bobo, co fin de edificar unha fábrica téxtil. En 1895 a Deputación comprou o edificio para destinalo a usos administrativos e foi en 1912 cando Vázquez Gulías reformou a fachada principal, engadindo o corpo central con columnas, balcón e o escudo da provincia.

Os socialistas pon en dúbida a existencia de autorización para "esa mutación histórica" e "a legalidade da decisión" debido á protección que figura na ficha urbanística que protexe a edificación, que fai que calquera proposta alternativa deba ser tramitada ante a Comisión Municipal Técnica de Protección de Bens Culturais.

En cambio, desde a Deputación aseguran que o anteproxecto tan só "delimita os recursos e espazos interiores" do edificio. Ademais, sinalan que o proxecto do hotel balneario actualmente atópase en fase de redacción, marcando como "unha das súas claves respectar os fitos arquitectónicos singulares" do pazo, entre os que "se atopan as escaleiras interiores e a propia fachada do edificio".

Manuel Baltar / Europa Press / Europa Press
Manuel Baltar / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta