Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2023 | Actualizada ás 18:40
A Xunta de Galicia abre o prazo de solicitude de axudas do programa 'Cultura non Camiño' para concellos polos que discorren as diferentes Rutas Xacobeas co fin de programar espectáculos galegos de artes escénicas e musicais entre o 15 de xuño e o 31 de agosto.
Segundo explican nun comunicado, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Univerisidades amplía ata os 250.000 euros a dotación desta convocatoria, contía que supón un aumento de case o 9% respecto ao ano pasado.
O reforzo desta iniciativa, sinalan, intégrase no Plan Xeración Cultura 2023 a través do que o Goberno galego desenvolve unha batería de 57 accións, cun investimento de 34 millóns de euros, "en resposta ao bo momento creativo e profesional do sector co fin de continuar co seu crecemento e de contribuír á súa preparación para enfrontar novos retos".
En concreto, as redes de distribución de espectáculos promovidas pola Xunta intégranse no primeiro dos cinco eixos do plan baixo o epígrade de acceso universal á cultura.
No caso de Cultura non Camiño, o seu orzamento destínase integramente a cofinanciar a contratación de actuacións de teatro, música, danza, circo e maxia, en diferentes porcentaxes segundo o número de habitantes do concello solicitante.
A Xunta asume ata o 50% do custo dos espectáculos en municipios de menos de 20.000 habitantes, cunha contía máxima de 2.500 euros por adxudicación, e ata o 40% nas entidades que superen esta poboación, cun límite de 3.500 euros por axuda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.