Os colonizadores

Os colonizadores son uns señores moi agudos, coraxudos, teimudos, valentes deica os dentes que reforman, transforman, conforman segundo o seu dereito, proveito e dictados aos colonizados... Manuel María Dúas verbas coa mesma identidade

Por Fermín Paz | Ferrol | 22/03/2023

Comparte esta noticia
O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) que dirixe Tezanos remata de publicar a súa previsión de resultados electorais. Canso das caralladas deste home e do seu xoguete, veño de crear o meu. A Escola do Ollo Queimado pola Historia (EOQH), mais coñecida nesta Terra pola expresión, Éche O Que Hai. Nesta especie de taberna universitaria da vida, escoito o que fala a xente, o que acontece e tamén un pouco dos seus desexos. Non hai espazo para o engano, nin a desesperanza. Adícome a recoller realidades, pensamentos, risas e cabreos e logo, fago unha escrita moi pouco cociñada onde chanto a miña interpretación sen moitos tecnicismos, sen comungar con rodas de muiño e sempre disposto a contrapoñer ideas e ideario.
 
Neste artigo quero facervos chegar as miñas conclusións porque son ben distintas, xa miraremos quen acerta.
 
Dos procesos electorais que veñen deseguido non espero novidades cualitativas. Intúo que o PSOE vai termar mellor do seu espazo nas locais e autonómicas e vai convulsionar internamente, logo das do Estado. Non me vou deter moito no que vai acontecer no españolismo nas súas dinámicas internas, nin nas reconsideracións na esquerda como consecuencia da "reentreé" da dereita na gobernanza.
 
A miña interpretación é que a etapa 'Sanchista" no PSOE rematou e dito partido vai ter que reconstruír a súa estratexia. O trunfo do PP para min é inmerecido. Non procede do seu facer. Explicareime.
 
Asemella unha especie de necesidade sistémica (estou a lembrar as carambolas doadas que lle deixaban a Fernando VII). O edificio constitucional español está asentado fundamentalmente na "reforma" de Suárez e no "cambio" de González. Se isto é así, a conclusión é obrigada: estas dúas verbas/ conceptos teñen unha mesma identidade política, o Estado Nación Español. É un paradigma persistente e recorrente que esixe outras formulacións e accións nas lexislaturas que veñen para as organizacións nacionalistas defensoras da autodeterminación.
 
Xa non abonda con criticar a transición política, nin as eivas da Constitución Española, o conxunto do nacionalismo galego/vasco e catalán está obrigado a facer o deseño doutras estratexias. A vía condicionante da estabilidade institucional e do Goberno con alternativas negociadas a varias bandas é un camiño esgotador, con voltas e reviravoltas mais sempre enmarcada nunha dinámica exclusiva da posibilidade de avanzos e mellora competencial autonómica.
 
A socialdemocracia precisa axustes nos adentros da organización e posiblemente a estratexia que vai gañar, será reintegradora do bipartidismo baixo un novo liderado. A etapa Sanchista foi un experimento con pouco viño e moita gasosa; a probatoria da coalición de esquerdas foi o seu argumento/xustificante; a mirada permanente a outra esquerda foi a causante dun desapego ideolóxico que de perdurar no tempo, levaría a ruptura do PSOE.
 
Manter posicións tan indefendibles diante da súa base electoral foi unha especie de "plastilina ideolóxica" mistura de federalismo, constitucionalismo, clasismo desnivelado por categorías, progresismo, europeísmo  dependente do occidentalismo, humanismo dos bos e malos, feminismo das persoas especiais, animalismo igualitario, enerxía verde e transición do día despois, etc...Ademais do "chou permanente" na mistura destes conceptos e dunhas pingas de oportunismo e personalismo a tremoia está preparada para baixar o pano nesta etapa da democracia representativa.
 
Xa me gustaría que no seguinte ciclo houbera novidades na orientación da esquerda española, mais teño a prevención e a previsión que pouco sorpresas boas, temos que agardar.
 
Cando pase un tempo, miraremos a Sánchez nalgún outro "choio" que a política institucional sempre reserva os exmandatarios, aínda que na miña análise, a páxina da historia xeral non terá moita pegada por moito que el o tentará.
 
As consecuencias desta lexislatura, teñen outra resultante. Namentres o PSOE fará os deberes nos seus "adentros", os demais actores políticos, terán tamén que reorientar as súas estratexias. Sumar sen Podemos é Restar. A moción de censura presentada por Vox, xestionada por Sánchez Dragó e articulada e defendida por Tamames non deixará de ser un folclorismo dificilmente comprensible e un boa axuda para a mellora de posicións dos Populares, do patriotismo español, da transición e do edificio constitucional erguido en 1978.
 
Os eixos fundamentais na política española van ser obxecto dunha revisión froito do que leva acontecido na presente lexislatura. A fixación da contradición principal non vai ser unha escolla na dicotomía dereita/esquerda senón que a pelexa establecerase, outra vez, no centro electoral naquelas opcións con posibilidade de chegar a o goberno do Estado. A desaparición de Cidadáns e unha merma nos apoios a Vox, obrigará a corrixir algunhas maneiras de facer, estar e accionar tanto na representacións parlamentares, institucionais e nas organizacións políticas. Teño certa seguridade que logo deste xiro nas encrucilladas electorais, o españolismo camiñará cara a unha simplificación no mapa electoral e pese algunha imperfección no modelo, a tendencia rematará impoñéndose.
 
Son cuestións que deberiamos ter en conta pola súa relevancia e importancia. No seguinte artigo centrareime na miña pola ideolóxica e nos meus sentimentos.
 
As nacionalidades históricas precisamos dun proxecto común e nacional, ademais doutro, sumador de esforzos para a negociación co Estado Español máis coa Europa Comunitaria. Calquera outra alternativa é unha ilusión, unha perda de tempo e quizais un engano.

Enquisa do CIS que dá a victoria ao PSOE
Enquisa do CIS que dá a victoria ao PSOE | Fonte: CIS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.