Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 24/03/2023 | Actualizada ás 17:28
A planadora varada na praia de Nemiña, no municipio coruñés de Muxía, foi xa retirada por un guindastre desprazado ao areal muxián na mañá deste venres. Tras o fracaso dos intentos por sacala da praia por parte dun tractor do servizo municipal do concello da Costa da Morte, o operativo dirixido pola Garda Civil mobilizou este venres un guindastre que logrou á primeira hora da tarde mover a embarcación.
A planadora, duns 10 metros de eslora e que conta con catro motores, foi avistada na tarde do xoves por outra embarcación, que deu o aviso aos servizos de emerxencia. Ata a praia de Nemiña desprazáronse varias dotacións da Garda Civil, así como axentes de Policía Local e voluntarios de Protección Civil de Muxía para investigar o sucedido.
A zona, do mesmo xeito que o resto do litoral galego, está afectada este xoves por unha forte ondada e un temporal de nivel laranxa. Este tipo de embarcacións, de gran tamaño e potencia, son habitualmente utilizadas para descargar a terra sustancias estupefacientes e, a continuación, son abandonadas á deriva. O achado prodúcese só 10 días despois de que en Vilaxoán se localizase un 'narcosubmarino' que, crese, foi utilizado para introducir cocaína desde América en España.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.