A Xunta convoca a 1.000 profesores para "manter o nivel" da educación galega como "das mellores de Europa"

O conselleiro de Educación inaugura o evento agradecendo o "alto nivel de resposta", que mostra o "compromiso" dos profesores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2023 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

Máis dun milleiro de docentes galegos e outras persoas e cargos vinculados á educación participan este mércores en Santiago nunhas xornadas de formación continua organizadas pola Xunta, co obxectivo de "manter o nivel" do sistema de ensino galego, que está entre "os mellores de Europa".

Así o reivindicou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante o discurso de apertura deste evento celebrado no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, baixo o nome 'As competencias profesionais docentes'. Entre o público, ademais de profesores, había cargos da súa Consellería, decanos das facultades de Educación e inspectores.

"Un sistema educativo non pode ser nunca mellor que o nivel dos seus profesores". Baixo esta premisa, Rodríguez incidiu na necesidade de que os docentes se sometan a "formación continua, reciclaxe e adaptación constante" como fan "a diario e todos os anos" a través de distintos plans que ofrece a Xunta.

Nun contexto no que a sociedade, sinaladamente as familias e os nenos, "cambian rapidísimo", o conselleiro puxo o foco en que tamén a cualificación dos profesionais do ensino deben adaptarse "dun modo paralelo" a cuestións como a dixitalización e a educación en valores emocionais. "Debemos formarnos, esixirnos e autoexigirnos, e seguir adaptándonos aos cambios e requisitos novos de cada día e cada momento na sociedade", todo iso para "manter o nivel" dun sistema educativo galego que é "referencia" para España e para Europa, tal e como recalcou Rodríguez. E é que así o demostran, engadiu, as "distintas estatísticas" publicadas.

En definitiva, o conselleiro celebrou o "alto nivel de resposta" alcanzado por estas xornadas en Santiago, o que fala do "compromiso" do corpo docente galego para trasladar esta "mellora formativa" aos alumnos. "Sen dúbida a Galicia de mañá xógase hoxe nas nosas aulas", concluíu.

Tras o discurso de apertura do titular de Educación da Xunta e antes dunha conferencia impartida polo director do Colexio Santo Domingo de Algete de Madrid, Óscar Martín, proxectouse un vídeo da directora xeral de Educación da Comisión Europea, Sophia Eriksson, quen falou dos profesores como un dos eixos centrais do ensino.

A responsable comunitaria subliñou tamén o programa 'Erasmus+' dedicado aos profesores, que lles permite "aprender e experimentar xuntos" con compañeiros doutros estados.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugura o congreso sobre competencias profesionale docentes
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugura o congreso sobre competencias profesionale docentes | Fonte: XUNTA - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta