Por Ursula Neilson | Santiago | 07/02/2015 | Actualizada ás 13:05
Oh Trío son Antonio Bravo á guitarra, Germán Díaz coa zanfona e Diego Martín á batería. O grupo formouse en 2008, aínda que xa levaban anos colaborando xuntos, unidos polo seu interese pola música tradicional e as posibilidades que ofrece para a improvisación e a reinvención.
Precisamente a reinterpretación de músicas populares da guerra civil por parte da Brigada Bravo&Díaz mereceulles o título de segundo mellor disco do 2009 pola revista Cuadernos de Jazz e mellor disco internacional pola veterana revista xaponesa Jazz Tokio.
Neste novo traballo Bravo cambia a súa habitual guitarra eléctrica pola acústica e incorpórase Diego Martín coa batería e bendhir (tambor tradicional do norte de África). Germán Díaz toca a zanfona e pon as notas máis extravagantes coa caixa musical programable e a serra musical.
“Poñemos un bo colchón para Germán, que fai cousas moi bonitas” dixo Bravo na presentación á prensa de “Cancionero Gallego”, o pasado martes na cafetería SCQ de Santiago. Oh Trío tamén contou que nun principio fixeron unha versión coa guitarra eléctrica, pero que decidiron descartar: “Agora é máis folclórico” dixo Bravo.
Aínda así, que ninguén espere unha recompilación de música popular común. Como expresa Bravo, “levamos as melodías ao noso terreo”, sempre coa influencia do jazz e cun oco para a improvisación. A pesar de que eles quedan “co clima que xera a melodía”, permítense moita licenza creativa polo que non sempre é doado identificar as cancións populares recollidas no Cancionero gallego orixinal.
Oh Trio ri do feito de que, tras tocar as máis de 700 cancións da recompilación orixinal de Torner e Bal y Gay e facer a súa selección, no disco tocan unha delas, o “Alalá de Muxía”, por duplicado…“coa sorte de que non se parecen en nada”, comenta entre risas Díaz.
Ante a pregunta sobre as posibles críticas dos puristas da música tradicional, Bravo di con confianza, “non imos facer máis guerras”. Sobre esta idea expándese Díaz citando un haiku: “No sigas a pegada dos antigos. Busca o que eles buscaron.”
Oh Trío vén de realizar unha intensa xira por Galicia, organizada co apoio de Mada Producións e desafiando as condicionantes da distancia e do tempo - Germán vive en Lugo, Diego en Valladolid e Antonio en Berlín. A pesar delas, Inés Portela de Mada Producións comentou que a xira foi un éxito, incluso nas localidades máis pequenas. Mesmo nun emprazamento tan singular como o obradoiro de campás de Arcos da Condesa, houbo un cheo absoluto.
Parece axeitado que esta música que bebe da tradición, aínda cunha visión contemporánea, tamén chegue a estes lugares máis rurais e non se limite ás grandes cidades. Germán Díaz recordou unha anécdota que lle pasou tocando a zanfona nun deses lugares. Un vello de entre o público levantou a man para compartir o seu recordo de cando vía pola aldea un zanfonista cego -coincidindo o seu relato coas orixes do instrumento-, aínda que coa diferenza, dicía, de que ese zanfonista “tocaba cousas bonitas!”
Contábao Díaz no último concerto da xira de Oh Trío, no CGAG de Santiago, provocando moita risa entre o público. O anécdota contouno máis polo seu valor cómico, pero creo que tamén confirma o poema de Josean Artze que citou unhas horas antes na rolda de prensa de presentación de “Cancionero gallego”: Bebo da fonte vella, auga nova, auga sempre nova.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.