Piden unha educación que promova a igualdade de xénero

A Campaña Mundial pola Educación reclama un incremento do financiamento público para garantir unha educación equitativa, inclusiva e de calidade para tódalas persoas.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 19/04/2023 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

A Campaña Mundial pola Educación (CME) denuncia que o mundo se enfronta a unha crise educativa global. Esta crise educativa é tamén de xénero e discriminatoria, xa que son as nenas, adolescentes e mulleres novas as que se atopan con máis barreiras e dificultades para acceder á educación, completar a súa formación e prepararse para afrontar tódolos ámbitos da sociedade, incluído atopar emprego nun futuro.

Os conselleiros de Educación e Facenda visitan o CEIP Fontiñas, en Santiago.. CONCHI PAZ
Os conselleiros de Educación e Facenda visitan o CEIP Fontiñas, en Santiago.. CONCHI PAZ | Fonte: XUNTA

Fronte á esta situación, a Campaña Mundial pola Educación (CME), coalición liderada en Galicia por Educo (coordinador en 2023), Ayuda en Acción, a Universidade de Santiago de Compostela, Entreculturas e Taller de Solidariedade quere facer fincapé coa súa Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME) en como estas crises afectan especialmente ao dereito á educación das nenas, adolescentes e mulleres. Ademais, buscan reclamar un incremento do financiamento público para garantir unha educación equitativa, inclusiva e de calidade para tódalas persoas.

A SAME é unha semana onde os máis de 124 países nos que está presente a CME se mobilizan para chamar a atención sobre a necesidade de facer real e efectivo o dereito á unha educación de calidade. En Galicia e España, a edición deste ano terá lugar do 24 ao 28 de abril e, baixo o lema "Dálle ritmo á igualdade”, perseguirá, non soamente poñer o foco no gran impacto que teñen as crises na educación das nenas, xoves e mulleres, senón tamén reclamar que a igualdade de xénero se sitúe no centro dos plans e as políticas do sector educativo, dotándoa do orzamento suficiente para abordar as disparidades de xénero e transformar os estereotipos e as prácticas prexudiciais.

Para iso, diversos centros educativos da comunidade realizarán accións durante esta semana con materiais educativos, iniciativas de rúa e de sensibilización nas que o alumnado destacará a importancia dunha educación transformadora baseada na igualdade de xénero para ser capaces de examinar, cuestionar e cambiar as construcións sociais e culturais que manteñen a discriminación das nenas, mozas e mozos, mulleres e outras identidades de xénero ata o de agora moi invisibilizadas. Así mesmo tamén se farán actividades na Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña. As accións transcenderán máis aló da SAME e contarán cun acto no parlamento galego o 6 de xuño de 2023.

Dalle ritmo á igualdade con Miss Raisa

No marco do pasado Día Internacional da Muller, a cantante Miss Raisa lanzou en colaboración coa CME e o centro de música e escena Xamfrà a canción ‘Dálle Ritmo á Igualdade’. Con esta peza, a CME busca incentivar a espazos educativos para que reflexionen nas súas aulas con nenos e nenas sobre as desigualdades de xénero e se unan ao movemento para reivindicar o papel transformador da educación como unha ferramenta para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Esta colaboración musical estivo acompañada do lanzamento dun reto a nenos, nenas e adolescentes: escribir as súas propias estrofas e facer unha versión da canción para apropiarse dela e visibilizar así a importancia da educación transformadora para a igualdade de xénero. Así, desde o pasado 8 de marzo o alumnado de toda España modificou parte da letra da canción para facer súa nunhas versións que se difundirán durante a SAME.

En 2023, Galicia cumpre 20 anos de adhesión á Campaña Mundial pola Educación. Na
actualidade son cinco as entidades que participan dunha maneira coordinada a nivel global
para apoiar as accións de incidencia no contexto autonómico. Educo (coordinador en 2023),
Ayuda en Acción, a Universidade de Santiago de Compostela, Entreculturas e Taller deSolidariedade participan de maneira activa en defensa do dereito á Educación universal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta