Por Europa Press / Redacción | Sanxenxo | 21/04/2023 | Actualizada ás 15:15
A Real Academia Española (RAE) reabriu este venres nas redes sociais o debate sobre o topónimo do municipio pontevedrés de Sanxenxo ao recomendar o uso de 'Sangenjo' en contra da lei galega e do nome oficial.
A polémica volveu ás redes despois de que un usuario de Twitter fixese unha consulta pública á RAE, tras observar o topónimo escrito como 'Sanxenxo' nos rótulos dunha televisión española con motivo da visita do rei emérito, Juan Carlos I, ao municipio galego.
A Real Academia Española apuntou na súa resposta que "en ámbitos e textos non oficiais, o natural e indicado é empregar a forma tradicional ao falar ou escribir en español". Deste xeito, a RAE indicou que "en textos oficiais xerados pola Administración é preceptivo utilizar o nome vernáculo 'Sanxenxo'", pero que "fóra destes usos, o indicado é empregar a forma tradicional 'Sangenjo' ao falar ou escribir en español".
A réplica da Real Academia Española xerou unha onda de críticas nas redes sociais. Con todo, non é a primeira vez que se pronuncia acerca deste topónimo galego, posto que xa o fixo no ano 2018.
"A ÚNICA FORMA OFICIAL RECOÑECIDA"
Pola súa banda, a Real Academia Galega (RAG) sinalou a Europa Press que Sanxenxo "é un topónimo galego e a única forma oficial recoñecida segundo a lexislación vixente" e que "como institución con competencia sobre o idioma galego e o seu uso, só recoñece esta forma".
Desta maneira, a RAG remitiu a unha tribuna escrita en 2018 na web da Academia por Luz Méndez. Nela, a académica e experta en toponimia conclúe, tras levar a cabo un repaso pola escritura do topónimo, que "non parece que haxa unha longa tradición escrita dunha forma adaptada castelá para o topónimo galego".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.