Concentracións da plataforma SOS Sanidade Pública criticando o acordo "economicista" da Xunta con CESM

SOS Sanidade Pública reclama tamén maior atención á Atención Primaria e defende "a dedicación exclusiva á sanidade pública como un valor importante".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2023 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

Integrantes da plataforma SOS Sanidade Pública concentráronse este mércores en Santiago en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de reforzo na Atención Primaria e criticaron o acordo ao que chegou o sindicato CESM coa Xunta, sobre o que apuntaron que "vai en contra da sanidade pública que defende a súa plataforma" e é "economicista".

En declaracións aos medios o médico de atención primaria e membro de SOS Sanidade Pública, Manuel González Moreira, subliñou que a súa ILP "que marca a liña a seguir" ao pedir "reforzar as carteiras de servizos dos profesionais e incorporar novos sanitarios". Así, indicou que "se as necesidades son crecentes, os profesionais tamén teñen que selo".

Desta maneira, sinalou que SOS Sanidade Pública defende "a dedicación exclusiva á sanidade pública como un valor importante" e este acordo "o que fai é terminar cun complemento que premia esa dedicación exclusiva". Nesta liña, manifestou que "non é concebible que xefes de servizo teñan logo práctica privada no mesmo ámbito", xa que "iso non é bo para a sanidade pública".

En canto ao outro acordo ao que se chegou na mesa sectorial de Sanidade, sinalou que serve para "mellorar as condicións de traballo" e insistiu en que "se necesitan máis sanitarios". Así, González Moreira remarcou que este acordo "vai na liña" do que defende SOS Sanidade Pública, pero que "non pecha a necesidade de máis melloras nin na Atención Primaria nin na Atención Hospitalaria".

IPL DE SOS SANIDADE PÚBLICA

A plataforma SOS Sanidade Pública reclamou "cocientes reais" e que "non haxa listas de espera na Atención Primaria", xa que "isto pode atrasar o diagnostico precoz e estamos a pagar as consecuencias de que isto ocorrese na pandemia".

Nesta liña, mencionou que "agora o importante son as enfermidades crónicas", posto que co aumento da esperanza de vida "hai que dar calidade aos pacientes" que teñen este tipo de enfermidades. Ademais, apuntou á importancia "facer fronte ao desafío da saúde mental desde a Atención Primaria" e de "reforzar as áreas administrativas e da enfermaría".

"Pedimos que a Atención Primaria teña os orzamentos que as organizacións internacionais recoñecen que son necesarios porque non son un gasto, son un investimento", explicou. SOS Sanidade Pública tamén convocou concentracións para este mércores. Estas serán na Coruña --Obelisco-- ás 20,00 horas e no Centro de Saúde de Baltar de Sanxenxo ás 19,30 horas.

Concentración de SOS Sanidade Pública fronte ao centro de saúde Concepción Arenal de Santiago.
Concentración de SOS Sanidade Pública fronte ao centro de saúde Concepción Arenal de Santiago. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta