Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2023 | Actualizada ás 14:48
O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que o anuncio realizado este martes polo presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, coa construción de ata 20.000 vivendas en terreos do Ministerio de Defensa, é algo moi positivo para Ferrol.
Ditas manifestacións realizounas o delegado na mañá deste mércores, desde a cidade, durante unha visita que realizou ás antigas instalacións do cuartel Sánchez Aguilera, agora propiedade do Concello, e onde precisamente está previsto levantar varios bloques de vivendas.
"En Ferrol, no medio da cidade, esa operación creo que encaixa perfectamente nese traballo que previamente desenvolveu o propio alcalde en relación con pór estes terreos aos servizos da cidade", detallou Gómez Besteiro en declaracións aos medios de comunicación, tras entrevistarse minutos antes co rexedor na propia Casa Consistorial.
O delegado do Goberno detallou que durante o encontro co rexedor repasaron "varias cousas, como o investimento público do Estado nesta cidade", destacado os fondos para poder acometer o programa das fragatas F-110 para a Armada Española, "e a modernización doutras fragatas, pasando dos 6.000 millóns de euros".
Tamén se referiu Besteiro a "toda a aposta da enerxía eólica mariña", que lle valeu para asegura que "sitúa a Ferrol ante un futuro máis ben próspero". "Estamos a falar dun investimento nesta cidade que probablemente sexa pouco comparable con outras cidades de Galicia, e que probablemente sexa a cidade que máis investimento vaia a recibir do Estado por habitante e por metro cadrado de Galicia", reivindicou.
"TODOS OS TEMAS" DA CIDADE
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, agradeceu a presenza do delgado do Goberno, "para falar de todos os temas que teñen que ver coa cidade", ademais de celebrar "unha reunión cos portavoces municipais".
"Creo que é un bo momento para aproveitar e facilitar a construción de vivendas, tanto de aluguer como para a adquisición para a xente nova, a prezos alcanzables, e tamén, neste sentido, para revitalizar a nosa cidade, tratando de fixar esa poboación máis nova", resumiu.
Con respecto á tramitación da fábrica de subbloques para Navantia Ferrol, Mato dixo que "está a piques de finalizarse" e que "é un asunto que ten que ir a xunta de goberno local, para a aprobación inicial", unha vez que "todos os informes previos xa foron emitidos".
Iso si, o alcalde recoñeceu que "aínda hai que solicitar algúns informes máis, pero hai un prazo dun mes de exposición pública que queremos aproveitar para que ese asunto poida quedar definitivamente resolto" e desta forma "poder finalizar toda tramitación administrativa".
BNG PIDE "CONCRECIÓN"
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pediu ao Goberno central que concrete cantas das 20.000 vivendas que o presidente, Pedro Sánchez, anunciou que se construirán en terreos do Ministerio de Defensa situaranse en Galicia.
Este mércores, un día despois do anuncio feito polo xefe do Executivo no Senado, a formación frontista lembrou que Defensa ten chans en Ferrol, Santiago, Pontevedra ou Marín que poderían servir para esta iniciativa.
Nun comunicado, Rego remarcou que se trata dunha proposta que o BNG reclama "desde o comezo da lexislatura" e que o Goberno "sempre se negou a levar a cabo". "A resposta do Goberno do Estado ás preguntas e iniciativas que rexistramos desde o BNG, sobre a mobilización e a cesión das vivendas da Sareb para permitir o desenvolvemento na Galicia dunha política pública efectiva en materia de vivenda, sempre foi a mesma: que era imposible", aseverou Rego.
Os nacionalistas cren que Sánchez anuncia esta "mobilización" de vivenda pola proximidade das eleccións municipiaIs e preguntarse "por que agora si é posible" e "non cando" o expuxo o BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.