O pacto social

Con motivo do 8 de Marzo, día Internacional da Muller Traballadora e do 10 de Marzo, dia da clase obreira galega, quero adicar este artigo a un asunto de importancia para a clase traballadora, o pacto social.

Por Fermín Paz | As Pontes | 08/03/2015

Comparte esta noticia
Sempre me pareceu interesante esta temática e aínda lembro algún debate de fai algún tempo, no cal alguén de discurso "critico" a tal fenómeno, sostiña que a posición a tomar debería ser conxuntural, porque na súa argumentación tiña moito peso, quen gobernaba e non o contido do pacto. Na procura de saídas á encrucillada actual,  quixen falar dun vella maneira de facer que condiciona á clase obreira desde fai moitos anos nesta parte do mundo e que aínda está sen clarificar.
 
Facendo revisión da nosa pequena historia (os acontecementos en materia de regulación laboral de máis de 35 anos que son os que transcorren desde o final da ditadura fascista no Estado Español ata o momento actual), as conclusións pódense  levar ao conxunto do territorio da Unión Europea, porque aínda con algunhas diferenzas, non é difícil mirar as semellanzas.
 
Cando se estableceron os primeiros pactos no Estado español (1977), deu comezo o período da concertación do pacto social, para enfrontarse a unha das crises cíclicas do capitalismo e ás esixencias da integración na Europa Comunitaria. A doutrina importada non foi outra que a do corporativismo entre Goberno-Empresarios-Sindicatos que tiña e ten unha única base: prestación por contraprestación.
 
A defensa no terreo político-sindical, fíxose sobre argumentos tales como o realismo, o pragmatismo, a defensa dos dereitos democráticos dos traballador@s, a participación no ameto socio-político e na actividade económica. Así ( afirmábase), quedaban aseguradas as conquistas acadadas pola clase traballadora na época da ditadura para dar paso, a construción  do Estado do benestar. Pero, en verdade, o que se garantiu foi a paz social nas empresas e pouco a pouco na rúa, a moderación nas reivindicacións dos salarios, o que á súa vez fixo posible unha política fiscal e económica, cuns resultados ben coñecidos.
 
Dese xeito, iniciouse un período de asimetría no que a clase traballadora padeceu unhas taxas altas de desemprego como consecuencia da reestruturación e adaptación do aparello produtivo ás necesidades do capital e ás demandas de homologación europeas. Neste contesto, o capitalismo gañou  en fortaleza ideolóxica ademais dos beneficios económicos e consolidou o seu éxito mais desexado, a unión Estado-patronal-sindicatos, afastando en gran medida, o perigo de confrontación (ou da loita de clases), propoñendo aos sindicatos que foron asinando tales acordos, unha estratexia de cooperación que chegou ata hoxe. 
 
E no 2007, de novo,  outra secuencia da crise capitalista, aínda que daquela tivera outras causalidades. Pero desta vez, o que  aconteceu non deixa dubidas para calquera analista, ditos pactos son unha ferramenta do capital e que só funcionan cando ao sistema capitalista, lle convén. Pregúntolle os defensor@s do modelo que estou a criticar ¿sería posíbel un pacto social nas situacións  que precisan de protección para a clase traballadora?. A resposta negativa proba dabondo as miñas afirmacións.
 
Aos gobernos interésalles o corporativismo para poder limar ou “negociar” aqueles problemas que xorden no funcionamento das economías industriais capitalistas mais avanzadas. Intentan así, asegurar a súa política económica e social directamente nas organizacións que se moven no ameto da produtividade. De acadar dito obxectivo, están en condicións de transferir a esta organizacións, parte do seu problema de lexitimación social. É dicir, o desexo dos Gobernos dos Estados de conseguir un sistema de unión coas asociacións empresariais e os sindicatos agacha o interese de gañar ás grandes organizacións da produción a favor do consenso respecto dos temas esenciais das políticas gobernativas en favor do capital.
 
Parece razoable que as estratexias capitalistas non teñan diferenzas significativas en cada Estado si  facemos a comparación agrupándoos por potencialidades económicas, e así as receitas vanse tratando de aplicar sistematicamente, baixo a vixilancia de organismos internacionais dependentes e defensores das devanditas estratexias.
 
Neste contexto pódese afirmar que no Estado Español a necesidade de facer pactos políticos, sindicais ou mixtos, non naceu dos oprimidos senón dos contrarios, ou dito de xeito máis diplomático, do poder. Obxectivamente, as reformas interminables en materia laboral supuxeron, con moi poucas excepcións, un continuo retroceso nas relacións laborais. Si revisamos as prácticas durante o período de tempo que comeza nos Pactos da Moncloa e chega ata hoxe, poderemos avaliar si houbo ou non subordinación. Tamén nas particularidades das variacións lexislativas e normativas poderemos apreciar as simetrías ou asimetrías no campo das relacións económicas, laborais ou socio-políticas e logo sacar conclusións, vendo os beneficiados e os prexudicados.
 
Hoxe ninguén dubida que  o social retrocede, sexa no ameto da negociación colectiva, da seguridade social, dos servizos públicos ou da lexislación laboral.
 
Resulta razoable pensar que os pactos sociais, teñen contrapartidas suficientes para que os aparellos teñan garantida unha supervivencia subvencionada, sempre que as organizacións que representan sigan dando resposta e acomodo ao capitalismo e ás súas necesidades. Un capitalismo que tamén desexa e apoia un monopolismo sindical que teña estas características, tanto nos niveis estatais como internacionais.
 
Parece necesario unha acción sindical con outra orientación fundamentada na liberdade sindical, na fortaleza nas fábricas, nuns marcos de relacións laborais axeitados ao control e a participación dos traballador@s, nunha nova lei de eleccións sindicais, de financiamento da actividade sindical, dunha democracia sindical con articulación das representacións na negociación colectiva e na participación institucional , na atención aos sectores sociais mais desfavorecidos, na defensa do servizo públicos e na súa xestión, n@s traballador@s en desemprego, na redistribución da riqueza, na vivenda pública e nos desafiuzamentos, nas diferencias de salario por xénero, nas escalas de salario desproporcionadas, nas políticas de igualdade, no financiamento e xestión dunha seguridade social con pensións dignas, na proposta dunha lexislación contra a precariedade, na inmigración, na mocidade,...
 
Si de verdade creemos que estamos nun tempo novo, deberiamos prantexarn@s este asunto. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.