Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 18/05/2023 | Actualizada ás 18:29
O xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Santiago estimou parcialmente un recurso interposto por unha familia e condenou ao Sergas a indemnizala en 170.000 euros por mala praxe durante un parto no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, no que o bebé sufriu un infarto cerebral que lle deixou secuelas.
Segundo recolle a sentenza, a familia, representada polo letrado Alfonso Igrexas, presentou un recurso contra a resolución da Consellería que desestimaba a súa reclamación patrimonial, e o xulgado estimouna parcialmente. Os feitos remóntanse a xuño de 2018, cando a muller, de 39 anos, ingresou para a indución do parto no Hospital de Pontevedra, tras un embarazo normal. Tras varios intentos de parto vaxinal, co uso de ventosas, indicouse unha cesárea urxente.
Así, naceu unha nena de algo máis de 3 quilos de peso, cuxos datos de PH en cordón umbilical e índice Apgar reflectiron síntomas de hipoxia. Ás poucas horas, o bebé foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo onde, tras a realización de probas, detectáronse signos compatibles cun infarto cerebral.
Na sentenza, a xuíza sinala, entre outras cousas, que non consta que se controlou o benestar fetal na última hora do parto e sinala, segundo explicaron os peritos, que a insistencia no parto vaxinal provocou que a cabeza do bebé quedara encaixada na pelvis da nai. Así, "a cesárea debeu indicarse antes" e os intentos de extracción con ventosas "foron moi traumáticos". Por estes feitos, establece que o Sergas debe indemnizar á menor en 140.000 euros, á súa nai en 20.000 euros e ao seu pai en 10.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.