A Xunta aínda non recibiu alegacións á lei que crea unha empresa semipública para as renovables

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2023 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

A Xunta aínda non recibiu "ningunha" alegación á lei de aproveitamento de recursos naturais, que é a que crea o canon para a eólica mariña e tamén unha empresa de capital mixto para xestionar proxectos vinculados con enerxías renovables, pero cónstalle que varios actores as "están preparando", en palabras do director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila.

En declaracións a Europa Press, o director xeral asegurou que a Xunta incorporará á redacción final "todas as achegas" se considera "que melloran o texto", un anteproxecto que leva unha semana a exposición pública. Fernández Vila destacou esta vontade de "consenso" antes de participar na reunión do Comité Executivo de Desenvolvemento Mineiro do Consello Galego de Economía e Competitividade.

A idea do Goberno galego con reunións como esta é "presentar a estrutura da lei e os principais contidos" a diferentes axentes, porque ve "fundamental" que estes "coñezan" a normativa e a súa finalidade, "e que fagan as achegas que consideren adecuadas para conseguir ao final un texto consensuado que sexa o mellor posible para todos os galegos".

Aeroxeradores de eólica mariña.. TRISTAN STEDMAN - Arquivo
Aeroxeradores de eólica mariña.. TRISTAN STEDMAN - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta