Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2023 | Actualizada ás 13:59
Podemos Galicia, que nestas eleccións municipais puxo a proba a súa marca no territorio galego e que en solitario non logrou concelleiros, apelou á "responsabilidade", porque "o ciclo electoral non rematou" e considerou que as avaliacións "toca facelas o 24 de xullo".
"Non é tempo doutras cuestións", indicou en declaracións a Europa Press o coordinador de Podemos en Galicia, Borja San Ramón, ao ser preguntado polas voces que piden dimisións da cúpula da formación morada tras o fracaso electoral do pasado domingo, cun forte retroceso do espectro de esquerda que concorreu dividido ás urnas.
No caso galego, o espazo rupturista só salvou 'os mobles en dúas cidades, nun caso sen que participase Podemos, e no resto das urbes fracasaron as alianzas que se teceron, mesmo en casos como Lugo e Ourense onde se reunificou todo o que quedaba do espazo nunha candidatura unitaria tras perder representación nas eleccións de 2019.
Mantívose con dous edís Ferrol en Común en Ferrol, unha cidade con fondo arraigamento sindicalista vinculado ao naval e de EU-EU, organización á que pertence o seu candidato, Jorge Suárez. Nesta cidade, na que o PP logrou maioría absoluta, Podemos foi en solitario, fóra dese paraugas.
Pola súa banda, Compostela Aberta, a única lista das urbes que mantivo a unidade de todo o espectro da esquerda rupturista desde que irrompese en 2015 no concello con Martiño Noriega (Anova, formación nacionalista). Esta formación, aínda que acusa un descenso importante, mantén dous edís con María Rozas á cabeza.
"O CICLO NON TERMINOU"
Neste escenario, Borja San Ramón advirte de que o ciclo electoral "non terminou" e que as avaliacións "toca facelas o 24 de xullo". "Non é tempo doutras cuestións", remarcou. O dirixente da formación morada considera que é o "momento de responsabilidade, calma e de chegar a acordos". "Niso estamos a dedicar todos os nosos esforzos, para ter un paraugas común", manifestou.
Fontes do espazo consultadas por Europa Press confirmaron que hai contactos desde o luns entre as direccións galegas para tratar de 'pegar' este espazo, pendentes das decisións que se marquen a nivel estatal. En próximos días, así, haberá reunións das executivas para marcar as decisións, que teñen que adoptarse de forma rápida, tendo en conta que o 9 vence o prazo para a presentación de coalicións electorais, aínda que Yolanda Díaz xa rexistrou un partido instrumental no Ministerio do Interior --Movemento Sumar-- que pode dar acollida a todas as sensibilidades como xa se ensaiou en Galicia con En Marea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.