Queres saber cales son as tecnoloxías que se empregarán nos coches do futuro?

Antolin e o CTAG anunciaron algunhas das solucións innovadoras desenvolvidas tras catro anos de investigación

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 09/06/2023 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

Un sistema de control de calefactado do habitáculo dos vehículos, tecnoloxías de ozonización, de purificación do aire ou de iluminación son algunhas das solucións innovadoras desenvolvidas tras catro anos da unidade mixta de investigación de Antolin e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).

Tal como subliñaron ambas as organizacións nun comunicado conxunto, os traballos de I+D+i levados a cabo no marco desta alianza concluíron "satisfactoriamente", con "significativos avances" que permitiron "garantir a seguridade e mellorar a experiencia de usuario e o confort".

Cun orzamento de máis de 2,2 millóns de euros e un equipo de traballo de 25 investigadores, o proxecto respondeu á necesidade de Antolin, un dos principais fabricantes de pezas de interior de vehículo, de poder avanzar no desenvolvemento de solucións intelixentes e innovadoras.

"Con CTAG colaboramos nas últimas décadas en diversos proxectos de innovación tanto nacionais como europeos. Na actualidade, o vehículo está a converterse, cada día máis, nun espazo vital, onde os usuarios desexamos dispor da máxima seguridade, confort, entretemento e calidade. A tecnoloxía necesaria para cubrir estas necesidades vai moito máis alá do que poida ofrecer a industria de automoción", indicou o responsable de Innovación de Antolin, Javier Villacampa.

"Para nós é un orgullo que un grupo da relevancia de Antolin comparta connosco a súa estratexia de futuro e deposite a súa confianza no desenvolvemento de tecnoloxías e produtos que incorporarán sen dúbida os vehículos do futuro", subliñou o director xeral do CTAG, Luís Moreno.

Ao acto de presentación de resultados tamén asistiu a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, quen puxo en valor a contribución desta unidade mixta á transferencia de tecnoloxía nun sector estratéxico para Galicia como é a automoción.

Entre os resultados, Antolin e CTAG destacaron o sistema de ozonización, que se trata dun dispositivo intelixente que se integra na cabina dun coche para hixienizar superficies e eliminar cheiros. Outra das innovacións tamén se centra na purificación de aire, que permite eliminar de maneira eficiente virus, bacterias e partículas.

Ademais, a unidade mixta traballou nun sistema intelixente de confort térmico a través de superficies radiantes ou nun sistema de control avanzado da opacidade e a transparencia do parasol que controla dous parasoles de diferentes materiais para que se poidan escurecer por tramos.

Un sistema de control de calefactado do coche, entre as solucións da unidade mixta de Antolin e CTAG.. ANTOLIN E CTAG
Un sistema de control de calefactado do coche, entre as solucións da unidade mixta de Antolin e CTAG.. ANTOLIN E CTAG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta