Os sindicatos ELA e CIG denuncian que a patronal do téxtil quere "centralizar a negociación colectiva"

Ambas as dúas forzas sindicais consideran que a postura da patronal ARTE busca "empeorar as condicións laborais" dentro do sector.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2023 | Actualizada ás 19:45

Comparte esta noticia

Os sindicatos ELA e CIG denunciaron que a patronal estatal da téxtil ARTE pretende "centralizar a negociación colectiva co obxectivo de empeorar as condicións laborais" dos traballadores do sector. Por iso, estudan convocar mobilizacións.

Segundo indicaron nun comunicado, ELA e CIG tiveron "coñecemento dos plans desta asociación empresarial -impulsada entre outros polo grupo Inditex e pola cadea H&M- a través dos medios de comunicación", que recentemente informaban da constitución dunha mesa de negociación a nivel estatal, prevista para o próximo 17 de xullo. Ata entón, criticaron, ningún dos dous sindicatos recibira "convocatoria algunha".

Ao seu entender, con esta "manobra", a patronal ARTE pretende "precarizar" as condicións laborais das persoas traballadoras dun sector que tanto en País Vasco e en Navarra como en Galicia "mobilizouse, con convocatorias de folga incluídas, para introducir nos convenios provinciais melloras salariais e das condicións de traballo".

"Uns convenios provinciais que agora varias empresas, entre elas a cadea liderada por Marta Ortega, pretenden desactivar coa conivencia dos seus sindicatos afíns, CCOO e UGT, mediante a negociación dun acordo estatal que supoña a perda dos dereitos laborais das persoas traballadoras do téxtil na Comunidade Autónoma do País Vasco, Nafarroa e Galiza", advertiron.

Segundo lamentaron as dúas centrais sindicais, preténdese levar a negociación ao ámbito estatal, "onde atopan a complicidade dos sindicatos estatais tanto para asinar medidas de destrución de emprego como para pactar unhas condicións laborais moi inferiores ás recollidas nos convenios provinciais galego e vasco".

Neste sentido, valoraron que os convenios de comercio téxtil vasco e galego recollen unhas condicións laborais "moito máis favorables, con xornada reducida e con salarios moi superiores a moitas provincias nas que se acaba de alcanzar o salario mínimo interprofesional".

Por iso, anunciaron que se mobilizarán contra calquera intento de "deixar sen capacidade de negociación" a Euskadi, Navarra e Galicia, así como para rexeitar "calquera intento de precarizar aínda máis un sector tan feminizado como o téxtil". Así mesmo, van activar " todas as medidas de acción sindical" que consideren oportunas "para defender as nosas áreas de negociación e as nosas condicións laborais".

Sandblasting nunha fábrica téxtil
Sandblasting nunha fábrica téxtil

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta