O BNG da Pobra do Brollón queda con cinco concelleiros tras un "erro administrativo"

O alcalde, que gobernará igualmente con maioría absoluta, defenderá "nas máis altas instancias" para reverter este erro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2023 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

O alcalde nacionalista da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, avanzou que defenderán "nas máis altas instancias" a vontade popular recollida nas urnas o pasado 28 de maio, tras "un fallo administrativo" no escrutinio de resultados que deixa ao BNG cun edil menos do que lle corresponde.

Neste contexto, xa está presentado un contencioso electoral no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e advertiu que, de ser necesario, chegarán ao Tribunal Constitucional ou ao de Europa.

Así, Maceda explicou, en rolda de prensa este venres, que unha discrepancia entre as actas de escrutinio das mesas electorais e os resultados enviados mediante a PDA á Xunta Electoral de Zona de Monforte de Lemos, deixou ao BNG da Pobra do Brollón con cinco concelleiros en lugar de seis.

Desta forma, detallou que as actas son asinadas por todos os compoñentes das mesas e revisados os seus resultados polos interventores dos tres partidos participantes nas últimas eleccións. As actas de escrutinio "son claras no número de votos" e trasladando a suma das mesas, agregou Maceda. Segundo o seu reconto, o resultado deberían ser seis edís para o BNG --691 votos--, dous para o PP --281 votos-- e un para o PSOE --139 votos--. Con estes resultados, os nacionalistas aumentarían un 4% no total de votos con respecto ás anteriores eleccións municipais.

Con todo, debido a "unha cadea de erros administrativos", no pleno de constitución do Concello que será este sábado, a configuración será cinco concelleiros do BNG, dous do PP e dous do PSdeG. "A situación é totalmente anómala e todas as forzas entendemos que a vontade popular é a que figura nas actas, eses son os datos de votos reais", remarcou Maceda.

"DOUS GRANDES PREXUDICADOS"

O do Bloque puntualizou en que hai un erro administrativo polo que se intercambian os resultados do BNG e PSdeG nunha das mesas electorais, así por mor diso nunha das mesas electorais o PSdeG sobe a dous concelleiros e o BNG baixa a cinco.

O erro non afecta á maioría absoluta do BNG na localidade pero "non por iso deixa de ter enorme importancia", xa que "hai dous grandes prexudicados". En palabras de Maceda, un é electorado que "de forma inxusta non pode ver formado o goberno que votou" e sinalou que os votantes foron "claros" e non só mantiveron a maioría absoluta nacionalista, senón que lle deu "un aumento de votos".

Rolda de prensa do BNG da Pobra do Brollón para aclarar os resultados das eleccións municipais
Rolda de prensa do BNG da Pobra do Brollón para aclarar os resultados das eleccións municipais | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta