Rebelión no PP de Ourense?... Baltar non marcha, "ou sexa que ‘cuidadito’"

José Manuel Baltar mandou varios recados á cúpula do seu partido. O primeiro e máis potente, que non marcha por agora. Un recado á dirección do PP que foi o que fechou a 'Operación Jácome'. Puy rexeita que exista conflito entre a dirección do PPdeG e o dirixente ourensán.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Pero non marcho eh!, ou sexa que ‘cuidadito’. Marcho que teño que marchar da Deputación de Ourense, iso o acepto. Pero eu non me vou de ningures, estou no meu sitio. A Deputación segue aberta para calquera, incluso para min. E sobre todo para min. Vai ser o sitio ao que acudirei coa frecuencia que requira o caso, pero evidentemente debo estar en Ourense. Ou sexa que non marcho".

Manuel Baltar e Alberto Núñez Feijóo tras a toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta, a 14 de maio de 2022
Manuel Baltar e Alberto Núñez Feijóo tras a toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta, a 14 de maio de 2022

José Manuel Baltar falou alto e claro. Tan claro que deixou sorprendidos aos seus propios compañeiros de partido, sobre todo, aos de Santiago e Madrid. Nunha entrevista en La Región, o presidente do PP de Ourense, confirma que "non marcha" e, segundo, que non tivo nada que ver na 'Operación Jácome'.  Datos a ter en conta na situación dun Partido Popular que navega dividido na provincia de Ourense e con amagos de rebelión.

Nesa entrevista, Manuel Baltar, sinala que seguirá á fronte do partido na provincia. "A deputación provincial vivirá un goberno que terá a fortaleza suficiente para afrontar eses retos e eu como presidente do partido acompañado todas as accións", sostén Baltar, que di que lle "apaixona" liderar o PP de Ourense. Unha posibilidade que tamén confirma o portavoz do Partido Popular na Deputación de Ourense, Plácido Álvarez. "Manuel Baltar como militante do PP de Ourense ten o seu dereito a presentarse para presidir a organización provincial como o teñen outros compañeiros", indica.

"É unha pregunta que se plantexa cando se convoque o próximo congreso, será unha decisión que terei que tomar tendo en conta todas as opinións e sobre todo aos meus máis directos colaboradores en cada concello e en cada comarca". Un "zasca" ao presidente da Xunta e do PP galego, Alfonso Rueda, que deu por feito que o ourensán non tentaría esta responsabilidade.

A 'OPERACIÓN JÁCOME'

É a resposta do fillo de José Luis Baltar ao líder do seu partido para non dar por "finiquitada" a herdanza política do seu pai. E, iso, a pesar de que di non sentirse "traizoado" nin por Rueda, nin por Feijóo a pesar de que, segundo distintas fontes, negociaron as súas costas e ás de Manuel Cabezas, candidato popular no concello de Ourense, o futuro da cidade e da provincia.

Rueda e Baltar nun paseo por Xinzo.. Agostime - Europa Press
Rueda e Baltar nun paseo por Xinzo.. Agostime - Europa Press

Precisamente, na 'Operación Jácome' está o principio da fin de Baltar, ou o principio do principio de José Manuel. Unha operación que proxectou primeiro a dirección galega do PP coa secretaria de Organización, Paula Prado, e que acabou fechando a man dereita de Feijóo, Miguel Tellado, nun encontro cara a cara co alcalde ourensán do que, ademais, saíu un compromiso asinado por ambas as partes de "non belixerancia".

E nese pacto de "belixerancia" está o compromiso do PP de non interferir nas decisións políticas de Jácome na cidade, e o de Jácome de facer o mesmo na deputación. Tamén evitar que o líder de DO se poida presentar ás eleccións galega, o que, no propio PP consideran que podería supoñer a perda da Xunta.

BALTAR E CABEZAS, 'OUT'

O propio Baltar confirma que el non autorizou esa operación nin estivo nas negociacións. "Eu dixen que non pactaríamos con Jácome nesta volta, existiron cuestións gravísimas durante a campaña que fixeron que foramos á xustiza". De feito, confirma que a súa saída non ten que ver con ese acordo. "Non, esas negociacións foron posteriormente. Esperouse ata o final, estábase falando de concellos e cando se empeza a falar da Deputación eu xa estaba apartado desa querencia por ser non só deputado, senón presidente da Deputación", apunta.l

E que pasou para que se chegara entón a ese pacto?. "Creo que ten que ver con esa situación de emerxencia extraordinaria que supoñía Ourense no panorama de Galicia. É certo que un pacto PP-PSOE sería rara avis a nivel nacional, pero habida conta da situación extraordinaria… As cúpulas dábanlle liberdade aos número un para os acordos. Pero pasou o que pasou. Hai que explicalo pero sobre todo terían que explicalo aqueles que se negaron a facer o que horas antes dicían que ían facer", responde. 

A decisión de Baltar de continuar como líder do PP pronvicial tamén ten moito que ver coa decisión de Manuel Cabezas de continuar como líder da oposición na cidade. Aínda que a palabra "traizón" non está no "vocabulario político" de Baltar, o certo é que o feito de que os dous dirixentes teñan decidido continuar nos seus cargos, a pesar de anunciar que ían marchar, amosa que a situación do PP de Ourense é, cando menos, convulsa.

"NON HAI CRISE"

E, mentres, a dirección do PPdeG tenta capear o temporal como mellor pode. O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, rexeitou que exista un conflito entre a dirección galega e o presidente da formación na provincia de Ourense.

Preguntado respecto diso este luns, Pero Puy sostivo que el non é "quen" de opinar sobre o que "pode facer Baltar" ou o que deben de facer os seus compañeiros do PP de Ourense, pero subliñou que non cre que "haxa ningún conflito".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

E o BNGuay sen abrir a boca...? Mira que o dixemos veces e seguimolo dicindo : se o BNG quere chegar algún día á Presidencia da Xunta tiña o seu trampolín en Ourense, pero nin quixo mover ficha, nin seguramente o PSOE aceptaría o trato a cambio de presidir a Deputación ! En fin... que se maten... a nós vainos dar exactamente igual... Se do que se trata é de abrir un Novo Relato Político e non cambiar nada... pois adiante cos faroles !!!