Por E.P. | MADRID | 17/07/2023 | Actualizada ás 10:40
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou este luns no Boletín Oficial do Estado (BOE) as axudas, cofinanciadas entre a Comisión Europea (CE) e o Goberno, para os barcos e os tripulantes afectados polo fin do protocolo de pesca entre a Unión Europea e Marrocos, que finalizaba este luns, 17 de xullo, tras 4 anos de vixencia, e poderanse solicitar a partir deste martes.
En concreto, o Departamento que dirixe Luis Planas acelerou os trámites para que a frota pesqueira afectada pola finalización do protocolo de pesca entre a Unión Europea e o Reino de Marrocos poida recibir as axudas "canto antes".
Así mesmo, a utilización por parte do ministerio das axudas habilitadas no Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) permite dar unha resposta inmediata a esta situación e paliar o impacto socioeconómico na frota que faenaba no caladoiro marroquí.
Para canalizar estes apoios, o ministerio publicou este luns no BOE os extractos das dúas ordes de convocatoria de axudas, para armadores de buques pesqueiros españois e para tripulantes enrolados nos devanditos barcos. Estas axudas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, teñen a natureza de axudas por paralización temporal da actividade pesqueira, de acordo co previsto tanto na normativa comunitaria como na nacional.
Ambas as convocatorias contarán con 302.000 euros no exercicio 2023, financiados ao 50% pola FEMP e polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Desta cantidade, 120.000 euros destinaranse aos armadores e 182.000 para os tripulantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.