Rebaixan a pena en seis meses dun agresor sexual en aplicación da lei do só si é si

A Audiencia de Pontevedra rexeitou baixar a condena a outros oito acusados de abusos e violacións.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 21/07/2023 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, en aplicación da LO 10/22, de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como "lei do só se é si", e de acordo co criterio do Ministerio Fiscal, rebaixou de seis anos e medio de cárcere a seis anos de prisión a pena imposta a un condenado por tres agresións sexuais, unha delas en grao de tentativa, a tres menores, ás que abordou en 2015 en días diferentes na vía pública. Ademais, foi condenado a 19 meses de cárcere por golpear a unha das vítimas, pena que se mantén.

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Confilegal

O tribunal lembra no auto que o artigo 2.2 Código Penal “dispón o efecto retroactivo para aquelas leis penais que favorezan ao reo, aínda que ao entrar en vigor recaese sentenza firme e o suxeito estivese a cumprir condena”. Neste caso, e soamente respecto a unha das agresións sexuais, a nova lei é máis favorable ao reo, polo que decretou que procede revisar a pena de prisión imposta, fixándoa en 2 anos e medio de cárcere, en lugar de en tres anos.

Na resolución, a Audiencia ordena que se practique unha nova liquidación de condena e que se remita ao centro penal da Lama, onde permanece ingresado o procesado, “coa máxima urxencia, tendo en conta que, aplicada a dedución de pena acordada, o penado deberá ser posto en liberdade, se non estivese privado dela por outra causa”.

OITO AUTOS MÁIS NOS QUE NON REVISA A PENA

O tribunal emitiu outros oito autos nos que acordou non revisar as sentenzas porque as penas serían igualmente impoñibles conforme á nova lexislación ou porque, neses casos, a LO 10/22 non é máis favorable ao reo.

Entre os solicitantes desas rebaixas de penas denegadas figuran un condenado a dez anos de cárcere por violar a unha turista asturiana en Salceda de Caselas; un condenado a doce anos de cárcere por violar a súa veciña, cunha minusvalía recoñecida do 74 %, en Dozón. Tamén un condenado a tres anos e oito meses de cárcere por violar, de forma continuada, a súa filla; un condenado a sete anos de prisión por abusar da filla duns veciños; un condenado a quince anos de cárcere por agredir sexualmente ao fillo da súa parella, ao que recoñeceu e deu os seus apelidos, desde os 4 anos ata os 13 anos e un condenado a doce anos de cárcere por abusar sexualmente da filla menor de idade da súa parella.

Tampouco revisou a pena dun condenado a tres anos de prisión e ao pagamento dunha multa de 3.240 euros por abusar da filla da súa compañeira sentimental e da súa curmá. No caso dun condenado a catro anos de prisión por tentar violar a súa filla, a Audiencia acordou non revisar a condena por estar extinguida, pois terminou de cumprila en 2020.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta