Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 28/07/2023 | Actualizada ás 22:00
O pasado luns todos os que naceron na década dos noventa tiveron un retorno á infancia. Volveron a aquelas noites de verán nas que, sen móbiles nin tecnoloxía que os puidese embobar, toda a familia se reunía no salón ou no xardín ao redor dunha televisión para desfrutar de horas de risas.
O Grand Prix foi durante moitos anos (entre 1995 e 2005) un lazo de unión entre mozos e maiores e unha forma de promocionar os pobos máis pequenos do país da man dos seus propios veciños. Agora volve para darnos moitas alegrías, a primeira delas: Brión, o concello coruñés de pouco máis de 8.000 habitantes, será o seu próximo participante.
E que lle agarda aos veciños que se animen a formar parte do equipo que vai a disputar o concurso? Golpes, moitos golpes, como xa puxeron de manifesto os primeiros dous pobos en participar: Colmenarejo (Madrid) e Alfacar (Andalucía). Tamén unha vaquilla e un dinosauro dispostos a incordiar aos participantes e risas, moitas risas. O rival será Yepes, un pobo de Toledo de armas tomar.
PROBAS QUE XA COÑECEMOS
Polo momento, polo que puidemos ver o pasado luns, coñecemos xa algunhas probas (míticas e non tan míticas). Os troncos tolos non podían faltar: rodillos que xiran empapados en auga con cada concursante que trata de cruzar por eles, cunha piscina de auga xeada agardando debaixo a súa caída. Coidado cos dentes, que máis de un precisará ir ao dentista!
Tampouco podía faltar a pista de bolos, onde un concursante cos ollos tapados terá que coller un balón xigante que non para de moverse para derribar aos participantes (vestidos de bolos) do outro equipo. Os outros pobos xa nos deixaron algún que outro susto ao quedarse máis despistados que 'despistadín'.
Outro clásico será o dos pingüíns matemáticos. O presentador enuncia unha operación e todos os concursantes disfrazados de pingüíns deben lanzarse en prancha cara o número co resultado correcto escrito no chan. O último que chegue perde, polo que máis vale que sexan rápidos, aínda que non tanto como para ser o primeiro e ter que aguantar o peso de todos os demais enriba.
Mais, sen dúbida, a proba máis divertida de todas será a de baloncesto en cueiros. Cun traxe que apenas lles permite moverse, e cos pes atados entre si, terán que avanzar por unha cinta transportadora en sentido contrario cunha pelota xigante que deberán encestar ao chegar ao final. O luns pasado todas as familias escachaban coa risa coas caídas que se produciron, veremos como o fai Brión.
QUEN SERÁ A MADRIÑA OU O PADRIÑO?
Hai que recordar que no Grand Prix os concursantes non están sós. Xunto a eles, animándoos dende o estrado, estará o seu alcalde, Pablo Lago Sanmartín (PSdeG), que poderá usar comodíns conseguidos para lanzar a vaquilla a incordiar ao outro equipo.
E tamén haberá unha madriña ou un padriño vinculado dalgún xeito a este municipio que aínda descoñecemos. Visto o visto, sabemos que será famoso ou famosa, pois no primeiro programa os pobos estiveron acompañados por Miguel Ángel Silvestre e Lolita Flores.
O ALCALDE XOGARÁ UN PAPEL CLAVE
Outra das misións do alcalde e do padriño ou madriña será xogar á patata quente. A patata quente consiste en que o presentador, Ramón García, lanza unha pregunta numérica e hai que acertar o número antes de que un globo que se infla por momentos explote.
Por se isto fora pouco, tamén o alcalde será decisivo na proba final: servíndose do dicionario da Real Academia Española (RAE) o presentador dará unha definición dunha palabra rara recolleita no dicionario e haberá que acertar se existe ou non. Esta proba é a que máis puntos suma (ou resta) e pode dar a volta aos marcadores, ademais de ser a última. Moita sorte Brión!
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.