O sector do mar defende o "carácter estratéxico" do marisqueo fronte á mina de San Finx

Din que o sector xera máis de 2.000 empregos directos e máis de 10.000 indirectos,

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2023 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia



A Confraría de Noia e a plataforma comarcal contra as verteduras da mina de San Finx expresaron a súa "total repulsa" ao que cualifican de "falsidades" difundidas pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, á que acusaron de tentar ocultar os impactos da mina de Lousame sobre a ría de Muros e Noia "e facer un lavado de cara a unha Xunta que ten numerosos funcionarios e altos cargos imputados polas irregularidades da explotación".

Nun comunicado, lembraron que en 1987 a Fiscalía iniciou dilixencias contra a mina de San Finx por delitos contra o medio ambiente e que actualmente hai catro causas penais abertas.

Aseguran ademais que a Cámara "mente abertamente" ao afirmar que a mina de San Finx nunca causou problemas coa calidade das augas e co marisco, "cando hai estudos científicos que demostran como a mina foi a causante directa da acumulación de metais pesados na ría cando estivo operativa durante o século pasado".

Con estes argumentos, afirman, o organismo empresarial "pretende xustificar" o inicio inmediato do baleirado das galerías da mina, "que provocaría unha inxección de case mil millóns de litros anuais de augas contaminadas á ría, a pesar de que a explotación non conta cun proxecto de explotación válido nin unha avaliación de impacto ambiental".

"Con este fin, a Cámara Oficial Mineira non dubida en acusar as confrarías e restantes organizacións opostas á vertedura de promover información nesgada e sen valor científico, cando foi a propia Confraría de Noia a que contratou os servizos do prestixioso hidrólogoSteven H. Emerman para achegar informes independentes que evidencian a ineficacia do sistema de tratamento proposto pola empresa mineira e aprobado pola Xunta", detallan.

Así, "fronte ao suposto carácter estratéxico da mina de San Finx", insisten en que o proxecto de explotación da mina de 2009 "apenas contemplaba 12 postos de traballo, mentres que a actividade marisqueira xera máis de 2.000 empregos directos e máis de 10.000 indirectos, cunha facturación anual de máis de 20 millóns de euros".

Mariscadores e mariscadoras apañando ameixa e berberecho na Ría de Muros e Noia
Mariscadores e mariscadoras apañando ameixa e berberecho na Ría de Muros e Noia | Fonte: Liliana Solís
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta