O "perigo" do porco bravo en Galicia: "Onde hai lobo, non manda xabarín"

Adega considera desproporcionada a emerxencia cinexética declarada pola Xunta. Cren que os xabaríns poden ser controlados polo seu depredador natural, o lobo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/09/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A recentemente declarada “emerxencia cinexética temporal” en 248 concellos (o 80% de Galicia) para cazar xabarín sen límites pon de manifesto "a improvisación e o desinterese" da Xunta por xestionar a fauna salvaxe con criterios científicos. Así o denuncia a organización ecoloxista Adega, que critica que a Xunta non ten un censo actualizado da poboación de porco bravo no país e que esta “solución final” vaise amosar ineficaz.

Mapa sobre a presenza de lobo e xabarín en Galicia
Mapa sobre a presenza de lobo e xabarín en Galicia | Fonte: ADEGA

Adega considera contradictorio que se tente erradicar o xabarín coa caza, cando un dos seus principais depredadores é o lobo, con protección especial por parte do Ministerio de Medio Ambiente, un estatus que a Xunta quere eliminar. "A irracional postura da Xunta, que receita chumbo para o xabarín e ao tempo pretende cazar ao lobo, principal predador do porco bravo, ponse de manifesto ao analisar conxuntamente a situación de ambas especies en Galiza", denuncia.

Malia a que para o xabarín non existe un censo da poboación galega si o hai para o lobo. E o, o recente censo de 2021-2022 rexistrou 93 mandas reprodutoras no país que se concentran en varias áreas nas que o lobo dispón de hábitat e presas axeitadas.

DISTRIBUCIÓN EN GALICIA

De feito, se se ve o mapa da distribución do lobo e do xabarín, vese que ao cruzar os datos da presenza de grupos reprodutores de lobo cos dos danos do xabarín, vese perfectamente que "onde hai lobo, non manda xabarín". En xeral, obsérvase que nalgunhas áreas con maior presenza de mandas de lobo, como a Costa da Morte-Xallas (1), centro da Dorsal Galega –Melide e A Ulloa- (2), núcleos de Ancares (3), Courel (4) e Baixa Limia (5) a Xunta non precisou declarar a “emerxencia cinexética” polo xabarín.

A falta de datos científicos sobre a distribución das piaras, interaccións ecolóxicas, etc. semella claro que alí onde o lobo cría e preda no xabarín, os danos denunciados pola acción do porco bavo son menores. De feito, tal e como publicou GC, un recente estudo destaca que unha das principais fontes de alimentación do lobo ibérico en Galicia son as mandas de porcos bravos

Estes datos amosan para os ecoloxistas dous feitos: primeiro a necesidade de contar con datos fiábeis das poboacións de xabarín, e en xeral da fauna salvaxe, para propoñer medidas e xestionar con criterios científicos as súas poboacións. E segundo, "a preocupante improvisación e as contradicións da Xunta que, por unha banda, permite cazar indiscriminadamente unha especie -o xabarín- e por outra reclama controlar ao seu principal predador –o lobo-: Delirante!", critica.

Ademais, Adega alerta que permitir a caza fóra dos terreos cinexéticos e mesmo en espazos protexidos por parte de calquera persoa (con autorización expresa), é "temerario". Destaca que nestas áreas a realización de batidas pode interferir ou alterar a dinámica ecolóxica de moitos seres vivos presentes en espazos naturais ou mesmo ser causa de mortes "accidentais" de especies protexidas, quer o lobo ou o oso.

A POBOACIÓN DE LOBO IBÉRICO CRECEU UN 17 % EN SETE ANOS

En concreto, a poboación de lobo ibérico en España aumentou un 26 por cento desde 2014, segundo un estudo da Fundación Artemisan, que afirma que este incremento contrasta coa perda de preto de medio millón de cabezas de gando extensivo, dun 18,9 por cento, en Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, as catro rexións loberas. O informe, remitido á Comisión Europea, asegura que na actualidade pódese falar dunhas 400 mandas de lobos compartidas entre as comunidades autónomas e unhas 380 exclusivas, o que equivale a unha poboación estimada duns 2.800 exemplares.

O cálculo realizado pola entidade estima en máis de 8.000 os ataques ao gando extensivo, é dicir uns 22 ataques diarios, con 10.000 cabezas predadas, 27 ao día, que se traducen "nun gasto" de 3,5 millóns de euros en compensación de danos e máis de 4 millóns de euros en medidas preventivas. O documento asegura que en todas as comunidades con presenza de lobos rexistráronse danos na cabana gandeira, o que leva a "empregar importantes cantidades económicas" na compensación de danos e medidas preventivas.

Fundación Artemisan engade a estes datos que hai zonas en España como Os Ancares, entre Galicia e Castela e León onde a presenza de lobo, unida á expansión de enfermidades como a Cephenemia stimulator, está a contribuír á rarificación e desaparición de especies como o corzo, ou o caso de Gredos, onde a súa presenza influíu nas poboacións de macho montés e a súa estrutura poboacional.

Para esta organización de carácter cinexético, España foi ao longo dos anos o "exemplo a seguir" na xestión e recuperación do lobo. De feito, engade que o maior incremento poboacional da especie produciuse antes da súa inclusión no catálogo, cando a especie aínda se xestionaba cinexéticamente, o que "demostra non só que a súa caza non era un factor que afectase de forma negativa, senón que contribuía ao seu bo estado de saúde".

Galicia é, xunto con Castela e León, o núcleo de poboación máis importante, cunha expansión notable nos últimos anos, xa que o lobo ibérico ocupa 26.000 quilómetros cadrados, o 91 por cento do territorio autonómico. En total confirmouse a existencia de 93 mandas en 2022, fronte ás 90 de 2015, o que supón en total un aumento do 17 por cento e o número de ataques ao gando ao ano estímase entre os 2.000 a 2.500 exemplares.

CONCENTRACIÓN DE PACMA NA CORUÑA ESTE VENRES

Precisamente, en rexeitamento da "masacre", o Partido Animalista (Pacma) convocou, en colaboración coa plataforma Non Á Caza (NAC) e outras protectoras de animais, unha concentración este domingo, 24 de setembro, na Coruña (ás 12.00 horas, en María Pita).

Pacma critica a liberdade de caza declarada pola Xunta, xa que sostén que "só responde as necesidades do lobby da caza para adiantar o período de caza do xabaril". "En que se basea a Xunta para declarar a emerxencia cinexética se non teñen censos de poboacións de xabaríns?", pregunta o presidente de Pacma, Javier Luna.

"Se existise un problema de superpoboación, a Xunta debería ir á raíz do problema". "Os cazadores son os que crían e alimentan nos propios cotos e nas granxas cinexéticas a un gran numero de xabaríns para cazalos", afirma. "Son moitos os que conseguen escapar dos tiros dos cazadores", conclúe.

"Non podemos permitir que os cazadores dispoñan destas liberdades para aniquilar masivamente aos xabaríns, especialmente a femias adultas e subadultas, cando existen alternativas máis éticas para controlar a suposta superpoboación que non supoñen a morte", razoa. Pacma tamén solicita á Xunta que prohiba as granxas cinexéticas, a cría e a alimentación de animais pola man do home nos propios cotos de caza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta