Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2023 | Actualizada ás 15:45
O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), mantiveron este martes un encontro con outros representantes de ambas as institucións para avanzar na análise e clarificación das competencias de ambas as administracións, unha cuestión que coinciden en axilizar xa que aínda non hai un consenso.
Así, tamén participaron a directora xeral de Administración Local, Natalia Priego, e os vicepresidentes da Fegamp Carlos Martínez e Secundino García. Na reunión, abordáronse as conclusións dos estudos da Xunta e da Fegamp e acordouse "axilizar e darlle un impulso ao traballo levado a cabo ata agora neste ámbito", tal e como informou a Vicepresidencia Primeira nun comunicado.
Neste sentido, fontes da Fegamp consultadas por Europa Press conviñeron a necesidade de resolver esta cuestión e puxeron o acento en que aínda non teñen información que "contraste ou corrixa" os datos que levan presentando desde novembro despois de tres reunións.
Estas mesmas fontes urxen "avanzar e definir" os servizos sociais, en especial, o servizo de axuda no fogar, ademais de reclamar o aumento do fondo incondicionado que se transfire aos concellos e que leva "dez anos conxelado" en 112 millóns de euros.
COMISIÓN TÉCNICA
Tras a constitución da comisión técnica, celebrouse en xullo unha segunda reunión sobre asuntos relacionados con urbanismo, medio ambiente urbano e augas e prevese un novo encontro a próxima semana co obxectivo de tentar alcanzar antes de fin de ano algún acordo nalgunha das áreas que se están abordando.
A Xunta sinala a "importancia de avanzar e dar pasos para chegar ao máximo acordo posible na maioría dos ámbitos". En primeiro lugar, sinala, trátase de valorar que competencias debe asumir cada administración e en que parte cada unha --Xunta, Goberno central, deputacións provinciais e entidades locais-- e "de forma rigorosa, avaliar se cada unha está a asumir os seus compromisos".
Ademais, búscase cuantificar canto custa a prestación de cada servizo e os recursos dispoñibles --en Galicia, de media, as contías son máis elevadas pola dispersión e o envellecemento, lembra a Xunta--. Esta comisión, en definitiva, busca "evitar duplicidades coa finalidade última de garantir unha prestación eficiente dos servizos públicos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.