Por Galicia Confidencial | Ferrol | 07/10/2023 | Actualizada ás 10:00
As asociación culturais galegas réndelle tributo ao cronista gráfico da Galiza popular dos últimos 60 anos nun acto no que a música, as intervencións de compañeiras e compañeiros de profesión e o propio Xaquín Marín, baixando o pano do evento, teñen prevista a súa participación.
Así, a actuación musical correrá a cargo de ‘St. James Dixie Band’ para combinarse coas intervencións de humoristas gráficos e profesionais do ámbito artístico, compañeiros de profesión, como Siro ou Pepe Barro, participando da actividade activamente e compartindo co publico asistente convivencias e aprendizaxe co mestre gráfico. Asemade, tamén teñen previsto subir ao escenario a responsábel do Museo do Humor de Fene, Almudena Marcos ou a pedagoga Pilar Sampedro, que tamén nos achegarán ás facetas máis destacábeis do creador de ‘Gaspariño’ ou dos cadros dos ‘pés’.
Todo isto conducido polo actor e director teatral e produtor Quico Cadaval que fará unha aproximación á inmensa obra de Xaquín Marín inspirándose, como non, no humor e na retranca dos innumerábeis cadros e viñetas do artista cómico gráfico, ilustrador e debuxante considerado o humorista galego máis relevante despois de Castelao.
O acto porá o ramo coa entrega dun agasallo orixinal ao propio Xaquín Marín, recoñecido en 2019 co Premio Nacional Galiza Cultura, realizado polas súas e polos seus compañeiros de profesión.
A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura, organizadora do evento, trasladan a xeito de agradecemento que "esta actividade de homenaxe, non se podería ter realizado sen a colaboración da Sociedade Cultural Medulio de Ferrol e o Concello de Ferrol, e está subvencionada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.