Big Meu, mellor 'freestyler' en lingua galega de 2023

Logrou facerse co seu segundo título na Liga CeibaRimas 2023.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 14/10/2023 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

Improvisar rimando é unha arte ao alcance só duns poucos. Os rapeiros actualmente sábeno e o público valora o seu talento cada vez máis. Incluír nesta tendencia en auxe á lingua galega é unha aposta segura polo seu crecemento e visibilización. CeibaRimas sábeo e, un ano máis, acolleu unha nova edición da súa competencia de improvisación oral en galego, cuxo gañador foi Big Meu, por segundo ano consecutivo.

Big Meu tras gañar por segundo ano consecutivo a Liga CeibaRimas
Big Meu tras gañar por segundo ano consecutivo a Liga CeibaRimas | Fonte: CeibaRimas

Superando ás 22 persoas inscritas na edición con máis nivel ata o momento, Big Meu logrou facerse co segundo título na Liga CeibaRimas 2023. A terceira edición do evento, celebrada en Compostela e que congregou a máis de 250 entusiastas nunhas tarde-noite de rap improvisado, concertos e outras actividades para o público, consolidouse como un referente no encontro de improvisación oral.

No primeiro ano disputáranse o título oito participantes, na edición do ano pasado foran 16 e este ano foron 22 rapeiros, chegados de todos os puntos de Galicia, os que loitaron polo título. A rolda clasificatoria resultou moi dinámica e nela descubríronse distintos perfís de participantes: persoas neofalantes ou castelanfalantes que adoitan participar en competicións en español, galegofalantes que só rapean en galego e que non atopan un espazo no que esta sexa a lingua na que se avalíe, participantes que era a primeira vez que se enfrontaban a adversarios facendo 'freestyle'...

As idades dos participantes foron do máis variadas: dos 16 aos 47 anos. Vivíronse batallas moi interesantes ao longo de toda a competición, vendo distintos tipos de estilos (algúns máis especializados en flow, en técnicas, posta en escena, profundidade de frases, humor...). As distintas probas propostas desde a organización (termos contrapostos, temáticas, obxectos...) forzaron aos participantes a poñerse ao límite. Ollo co nivel do rap improvisado en galego, isto non para de medrar!

En canto aos concertos, a Liga CeibaRimas 2023 abriu un espazo para artistas emerxentes, que deixaron a súa marca con interpretacións impresionantes, demostrando un nivel excepcional e que a xente nova que crea en galego vén pisando forte. Lidia L. Chao estreou o seu primeiro tema 'Prende o lume'. Aprendiz foi o seguinte e agasallou aos asistentes cos seus primeiros traballos en galego. Directamente desde Lugo chegou Verter Gz para poñer a bailar á xente. Este espazo de novos talentos pechouno AtrapGz.

No intermedio das batallas o escenario viu brillar a un artista como é Willow mentres caía a noite. As Bratzantifa foron as encargadas de pechar o evento, cautivando e animando ao público nun concerto de curta duración. A entrega de premios ao campión (Big Meu), subcampión (Mog), aos semifinalistas (Neraz e Jallejo), o do público (Rei Murtino) e os distintos sorteos entre toda a xente asistente puxeron o punto final a un día histórico. CeibaRimas medra, o rap improvisado prospera e a nosa lingua colle forza entre a mocidade.

A Liga CeibaRimas, por tanto, continúa sendo unha plataforma vibrante para a cultura do rap en galego, e Big Meu, ao revalidar o seu título, afianza o seu status como un dos mellores improvisadores na escena actual que non para de medrar. A pregunta é: para cando a Liga CeibaRimas 2024? Polo de agora haberá que conformarse con ver a edición deste ano en YouTube, á espera de novas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta